Opinión | Dende a fiestra
Premios Nobel de Literatura (I)

A escritora coreana Han Kang. / FDV
Mentres escoito sentado diante da fiestra Sam´s place, o novo e magnífico disco de Little Feat, unha banda californiana que, cun rock explosivo, transcende o xénero e mestura toda sorte de estilos cunha enorme calidade instrumental e compositiva , miro máis aló do cristal e reflexiono.
Chove e a chuvia, mollada en música, enche de emoción o meu universo particular.
Daquela, lembro un discurso ben emotivo, que descubrín nos xornais e logo vin. Sucedeu nos Premios Gaudí. O guionista Eduard Sola, galardoado polo seu guión de Casa en flames, emocionou o público cunhas palabras ben fondas nestes tempos que estamos a padecer. Tras reivindicar o carácter charnego da súa familia, leu que «se o meu avó era analfabeto e eu podo escribir, é porque algo aconteceu e iso chámase progreso. Se estou aquí diante recollendo un Gaudí non é grazas a min só, senón á escola pública. Se eu me dedico a escribir é que algo estamos facendo ben».
Nun mundo inhóspito, polarizado ao máximo, cunha extrema dereita que acosa, mensaxes como o de Sola ou «o derradeiro baile» de Pepe Mujica (de quen falarei máis adiante) reconfortan e danche azos para seguir respirando.
Enriba da mesa teño Blancura, o último libro de Jon Fosse, que veño de ler e debaixo os catro libros publicados en España de Han Kang (un deles en galego. Grazas, Ed. Rinoceronte) lidos anteriormente que me devolveron o pracer da boa literatura. E comprendín que si, que a boa literatura aínda existe.
Os dous últimos Nobel leváronme a pensar sobre este galardón tan controvertido, mais en certas circunstancias tan eficaz para descubrir esa interesante literatura pola que devezo.
Dos Premios Nobel de Literatura pódense dicir moitas cousas e asumir múltiples opinións sobre a concesión dos mesmos. E, dalgún xeito, todas esas opinións teñen as súas razóns.
Hai moita polémica arredor dos Nobel. Alúdese ao seu carácter político en demasiadas ocasións, á súa visión socioliteraria moi especial, aos seus intentos de sorprender e botar por terra as numerosas quinielas que aparecen cada ano, á preponderancia do económico sobre o literario, aos criterios machistas que seguen (algo está a cambiar, afirmo, neste senso), ao desprezo polos escritores e escritoras moi de actualidade, á preferencia por premiar creadores/as descoñecidos polo sistema «oficial» e moitas cousas máis.
Todo iso se pode discutir con serenidade. Ben sei que ao longo das 117 concesións do premio grandísimos escritores quedaron sen el: Tolstói, Henry James, Pérez Galdós, Proust, Kafka, Borges… e que outras tantas mulleres como Edith Warton, Natalia Ginzburg, Virginia Woolf, Simone de Beauvoir entre outras, tamén.
O que é lamentable é que só 18 mulleres fosen galardoadas dende que a sueca Selma Lagerlöf fose a primeira que o acadara en 1909. Triste realidade que demostra a estrutura social e literaria da sociedade, que coutou a creatividade e a publicación das obras femininas se non seguían os preceptos patriarcais. A muller tivo sempre brutais dificultades para escribir e publicar. O sistema dos canons literarios sempre estivo nas mans das institucións de carácter patriarcal e androcéntrico. Afortunadamente isto está mudando neste século XXI. Nove escritoras foron premiadas co Nobel: Jelinek, Lessing, Aleksiévich, Tokarczuk, Gluck, Ernaux e Han Kang. Grandes autoras.
Malia estas circunstancias, hei recoñecer que, grazas ás últimas concesións dos Nobel, eu levo desfrutando de autores e autoras extraordinarios, dun nivel literario altísimo e que sen o premio dificilmente chegaría ás súas obras.
Se en 2013 afondei no relato curto -que tanto me gusta- nos contos de Alice Munro; se en 2014 me sentín representado no premio por un dos meus escritores predilectos, o francés Patrick Modiano, a quen lía moito antes do galardón; se en 2015, entrei nas intensas crónicas xornalísticas (cargadas de literatura) de Svetlana Aleksiévich; se en 2016 emocioneime co premio a Bob Dylan, unha das miñas guías musicais e culturais; se en 2020 me adentrei na marabillosa obra poética de Louise Glück grazas a ser galardoada, teño que romper unha lanza a prol dos Nobel.
Ademais a guinda do pastel está nos tres últimos anos coa concesión do Premio Nobel a dúas creadoras e un creador que me fixeron espertar dun desleixo narrativo que me oprimía. Con Annie Ernaux, Jon Fosse e Han Kang volvín crer na literatura de verdade. Deles escribirei proximamente.
Suscríbete para seguir leyendo
- El jesuita gallego que escucha a los presos en Tailandia
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- El legado de Eduardo Barreiros
- En Vigo entendí la importancia que para un trabajador supone tener conciencia de clase
- Los camarones de la Ría de Vigo al descubierto
- “Cuando gané el oro en Atenas sentí que rompía una maldición”
- “La crónica de cómo llegaron a Galicia los restos del Santiago no tiene ningún fundamento”
- La heroína de la justicia social