Opinión

Ariadna Fernández*

Carta aberta ao PP de Rodeiro

«A pesares de saber que o financiamento do Punto de Atención á Infancia lle fai un burato aos orzamentos ao seu concello, critican que o BNG solicite que a Xunta de Galiza se faga cargo economicamente do servizo»

Quizais non é doado, no estilo político que agora predomina e no que a dereita se sinte moi cómoda, saber para que estamos aquí. Cando digo aquí refírome a traballar en política, a exercer o noso cargo a calquera nivel coa maior responsabilidade posible, sen andar a varrer para un, varrendo para a casa de todos os veciños e veciñas por igual. Porque se trata diso, ou diso é do que eu penso que vai o asunto, aínda que para determinados grupos políticos ou representantes destes, non sexa doado de comprender que esta profesión “é a ferramenta para mellorar” en xeral, non só uns poucos escollidos.

Sorpréndome decote cando, a través dunha organización política coma o BNG, solicitamos medidas que melloran a vida da xente e o resto das formacións parecen revolverse, non estar contentas, discrepar. Mais non se contrarían porque a solicitude que se fai sexa boa ou mala, van á contra sistemáticamente porque a medida proposta non é súa, porque son o partido do goberno do país e non son capaces de traer melloras para o seu concello, ou porque simplemente o lugar que ocupan é a oposición, sen entender que deben construír e non destruír.

En Rodeiro sucede así. O PP, a pesares de saber que o financiamento do Punto de Atención á Infancia lle fai un burato aos orzamentos ao seu concello e lle resta capacidade económica ao goberno para atender a outras necesidades, critican que o BNG solicite en sede Parlamentar que a Xunta de Galiza se faga cargo economicamente do servizo de atención ás crianzas.

O goberno galego aportou neste curso para esa fin pouco máis de 20.000 euros, segundo os seus datos oficiais, que non chegan a cubrir o 20% do financiamento que precisa o punto de atención á infancia de Rodeiro para funcionar e ofrecer a tan estimada conciliación familiar. A atención ás crianzas 0-3 que a Xunta de Galiza vende coma gratuíta e universal, ofértaa neste caso o concello, coma outros moitos espallados polo país e afogados en gastos. O que si vixían con ansia dende a Consellería de Política Social é que o cartel da suposta gratuidade da Xunta luza ben á vista na porta das instalacións do PAI. Eles convidan dende Santiago e paga o concello dende Rodeiro ou dende Agolada.

Quizais houbo moitos que tomaron ao pé da letra o «cuanto peor, mejor» do seu M punto Rajoy, esa sería a única forma de explicar que o PP de Rodeiro non sexa capaz de ver que, se a Xunta de Galiza financia a gratuidade, o diñeiro que agora se está usando para o PAI pode repercutir positivamente nos veciños. Desautorizar a unha deputada adscrita á súa comarca, na que naceu e vive, de levar iniciativas beneficiosas para un concello pertencente a esta, é unha forma ruín de facer oposición, por non determe a analizar se os membros do PP de Rodeiro que ostentaron o goberno durante anos tiñan a súa residencia alí, ou se realmente a tutela era dende Santiago como eles mesmos critican. Lamento ben que non consideren que a información que manexo é veraz, cando os seus propios compañeiros ma facilitaron no Parlamento Galego e a contrastei coa militancia de Rodeiro, que sigue estando presente, aínda que non sexa para gusto de todos, ao igual que con familias usuarias.

O traballo político faise en beneficio de todas e todos os veciños, non só da militancia propia, coma parecen ter asumido os populares de Rodeiro. Sinto moito que, podendo solicitar eles esta medida aos seus compañeiros que gobernan a Xunta e cos que imaxino teñen liña directa, non o fagan e lles estorbe quen o fai, que o único que pretende é mellorar a situación dunha comarca totalmente esquecida polo goberno galego, que sofre unha crise demográfica da que son responsables con desleixos coma este que estamos a tratar, onde o abandono é evidente.

Debemos traballar para desenganar aos populares de Rodeiro e facerlles ver que o “cuanto peor mejor” foi un erro de colocación das palabras do que foi presidente do goberno do estado español, para que deixen ese dogma de lado e non o tomen en serio, para que se adiquen a traballar para ir cara adiante e non poñan os pés de estribo cando o BNG avanza no bo camiño.

*Ariadna Fernández é deputada do BNG no Parlamento Galego

Tracking Pixel Contents