Literatura e conxunción astral

100 anos das mellores letras norteamericanas

Fotograma de A quimera do ouro (1925).

A razón di que o azar existe pero que non condiciona. Ou tal vez non sempre sexa así. O certo é que hai un século saíron do prelo algunhas das mellores obras literarias aparecidas nos Estados Unidos. Se atendemos aos factores creativos, estes dependen dos autores e, moi especialmente, dos editores que actúan de intermediarios. Uns e outros fixeron que aquel 1925 fose un ano extraordinario.

Comezando pola concreción literaria de Francis Scott Fitzgerald, quen sostiña aquilo de «mostrádeme un heroe e escribirei unha traxedia.» Fixo iso con O gran Gatsby, publicado pola editorial Scribners. Esta novela narra os anos loucos posteriores á guerra mundial, un momento bipolar entre os millonarios da costa este e os novos ricos que o contrabando de alcol creou. Mereceu nin máis nin menos que cinco películas: a primeira, ao ano seguinte, con Warner Baxter; en 1949 con Alan Ladd (1949); en 1974 con Robert Redford; outra en 2000; e a máis recente, 2013, con Leonardo Di Caprio. Este Jay Gatsby, home feito a si mesmo, representa coma ninguén o espírito norteamericano malia ter os pés de barro, como era a sociedade na que vivía.

Pero se esta novela se centraba nun sector moi concreto da sociedade, houbo outras dúas naquel 1925 que querían ampliar o foco social: Unha traxedia americana, de Theodor Dreiser, e Manhattan Transfer, de John Dos Passos. O autor da primeira era descendente de inmigrantes alemáns e pola súa tarefa xornalística coñeceu a realidade de diversas cidades. Herdeiro do naturalismo de Zola, non aforrou á hora de describir a situación da maioría das xentes. Homes e mulleres que chegaban desde Europa en procura dunha oportunidade e os negros que marcharan desde os estados do sur e con eles, o jazz. Un capitalismo salvaxe e depredador, legal nas finanzas ou ilegal no contrabando, e os grupos criminais, os chamados bootleggers. Este foi o título que Edward Hooper en 1925 deu a unha das súas obras, que comezaban a configurar o pensamento colectivo norteamericano.

Pola súa banda, en Manhattan Transfer Dos Passos percorría a evolución da cidade de Nova York desde os anos finais do século XIX, a chamada Gilded Age, ata a chegada do jazz. Uns anos de alegría, sen dúbida, pero tamén de desenfreo e consumismo, que é o que o autor critica. Para iso empregou diversas historias individuais superpostas e unha técnica narrativa experimental que bebía de James Joyce e de T. S. Eliot. Pero así como a novela de Fitzgerald trata do éxito, estoutra fala do fracaso, dos fracasados da grande urbe.

Tamén naquel ano un escritor novo, Ernest Hemingway, publicou un libro de relatos, No noso tempo. O que comezara dous anos antes cunhas viñetas publicadas por Ezra Pound na Little Review, medrou ata unha primeira edición en París e xa en Nova York agora hai un século, cos relatos máis importantes engadidos: «O campamento indio», «O río dos corazóns» e mais «O gato baixo a choiva». A súa narrativa, breve e mal entendida ata ser caricaturizada como de macho alfa, era económica, concreta, lonxe do barroquismo de Faulkner ou da elegancia sofisticada de Fitzgerald.

E en paralelo a estes libros, cómpre salientar a aparición de The New Yorker, unha revista que en adiante representou a vontade de tirar de enriba o provincianismo verbo de París. Unha publicación, fundada por Harold Ross e a súa muller Jane Grant, que brillou con luz propia no panorama cultural dos Estados Unidos ata hoxe.

Pulsa para ver más contenido para ti

Para completar o panorama, en 1925 Charles Chaplin estreou A quimera do ouro, un cruel retrato da traxedia e do fracaso na procura da riqueza, incluída a fame e a violencia egoísta. Con todo, Chaplin —que sempre era optimista— fixo que o protagonista supervivente, Charlot o errabundo, atopase a mina de ouro por azar e regresase rico á casa.

Pulsa para ver más contenido para ti