Un despacho de Camilo Nogueira

Unha mostra na Pinacoteca Fernández del Riego

Exposición 'Un despacho de Camilo Nogueira' na Pinacoteca Fernández del Riego de Vigo.

Exposición 'Un despacho de Camilo Nogueira' na Pinacoteca Fernández del Riego de Vigo. / Isa Oliveira

Atá o 25 de maio pódese contemplar na Pinacoteca Fernández del Riego a mostra Un despacho de Camilo Nogueira. A exposición céntrase nunha peza senlleira: o despacho realizado en 1948 polo escultor vigués Camilo Nogueira (Lavadores, Vigo, 1906-1982) para o seu amigo Manuel Cañizo Gil, veterinario municipal, por encomenda da esposa deste Mariña Suárez Contreras.

A mostra permite achegarnos á faceta de abanista de Nogueira, un aspecto intimamente ligado á súa creación escultórica, moi intensa desde a década dos 30, ámbito ao que remite o orixinal moble de claro influxo art déco. A peza recolle unha rotunda monumentalidade de volumes e insire un relevos de temática popular rural, con presenza de animais, que se ligan á profesión do destinatario mais que se sitúan tamén en clara continuidade coa súa obra anterior á Guerra Civil.

Camilo Nogueira foi un artista da xeración d’Os Novos, os renovadores da arte galega de entreguerras, sendo, no seu caso sensíbel á influencia de Francisco Asorey (1889-1961), a grande figura que encheu coa súa extraordinaria personalidade a escultura galega da primeira metade do século XX en Galiza.

Como o cambadés, Camilo Nogueira supera os estereotipos costumistas ao dotalos dun simbolismo renovador por medio dun tratamento formal que se afasta dos modelos decimonónicos. E faino nun momento de auxe nacionalista sendo a súa obra encadrábel na procura dunha arte nacional, fortemente ligada á tradición, mais, ao tempo, renovadora, como podía ser no ámbito literario o papel de Ramón Cabanillas, na poesía, ou o dos intelectuais do grupo Nós, para a narrativa ou o ensaísmo.

Camilo Nogueira elabora unha obra influída polo primitivismo e a temática social e popular. As súas obras anteriores á Guerra Civil, case sempre en madeira, son dunha estética figurativa en que dominan temas sociais: a emigración, a fame, a dor, o traballo... desenvolvidos cunha estética afín á Xeración Nós, sintonía que vén das súas conviccións culturais e ideolóxicas, como proba a súa militancia no Partido Galeguista.

En obras como Orfos do mar (1931, Museo de Pontevedra) ou Fuxindo (ca. 1930, colección particular) enfatiza os protagonistas populares, novos heroes dunha época marcada pola intensificación da loita de clases. Estes aspectos tamén se poden detectar no seu traballo máis importante destes anos: trátase do Monumento aos mártires de Sobredo (1932) en que se lembraba as vítimas da loita agrarista, traballo dunha linguaxe entre simbolista e expresionista, mais cun tratamento sobrio e xeométrico no que atinxe a aspectos formais como evidencia o xeito de concibir o bloque. O monumento consistía nun monolito en que ocupaba a parte superior un sol con feixes radiais; na parte central mostraba unha figura humana -esculpida en relevo- que caía vítima da represión en canto erguía unha balanza, representando a Xustiza. Ao pé do monolito Camilo Nogueira colocou un naipelo apoiado sobre unha muller que figura morta na base da escultura.

A obra foi parcialmente recomposta e restaurada por volta de 1988, levándose a cabo en parte a reconstrución da mesma con pezas que se conservaban.

  • Un despacho de Camilo Nogueira

    Artista:Camilo Nogueira Local: Pinacoteca Fernández del Riego, Vigo Até o 25 de maio

Ecos da arte dos 30

Os ecos deste mundo seguen presentes no moble realizado para Manuel Cañizo Gil, cos relevos sintéticos de escenas rurais aínda que polo tema, destino da obra e contexto sociopolítico, estas referencias sociais non poidan agromar neste brillante traballo que supera con moito o simple labor artesanal.

Esta peza e o seu contexto evidencian a velada persistencia na estratexia de boa parte da arte galega destes anos, en boa medida rexeneradora. Para moitos artistas tratábase de fertilizar a linguaxe da arte do seu tempo coa sabedoría autóctona, movidos polo desexo de se mergullaren no máis logrado da tradición para conseguir as mellores calidades da arte popular e dotala dun sentido social.

Daquela, a escultura de Camilo Nogueira quere recoller un modelo de arte recoñecibelmente «galega», pero afastada dunha simple mirada costumista, cunha actitude que desexa recoller o mundo popular cunha clara vontade dignificadora.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents