As seis cabezas de Alejandro Fuertes

Unha mostra na Fundación Laxeiro de Vigo

Mostra de Alejandro Fuertes na Fundación Laxeiro de Vigo.

Mostra de Alejandro Fuertes na Fundación Laxeiro de Vigo. / Elías Regueira

Seis cabezas é un proxecto que foi presentado no espazo Arte CTJV, en Monção, Portugal, entre o 16 de novembro de 2024 e o 17 de xaneiro de 2025. Agora estas mesmas pezas están expostas en Vigo, na Fundación Laxeiro, co comisariado por Javier Pérez Buján.

O autor, Alejandro Fuertes (Avilés, 1997), é un artista formado nas facultades de Belas Artes de Salamanca e Pontevedra cun manisfesto interese polo que el denomina a «estética da devastación» que materializa mediante unha obra realizada a partir da ensamblaxe de refugallos. O lixo serve, pois, de elemento conformador de toda a súa serie de cabezas humanas.

As estratexias discursivas en que se fundamenta a obra de Alejandro Fuertes están directamente vinculadas cos conceptos de reciclaxe e inestabilidade, con forte sentido escenográfico. Quer na elección dos materiais, quer no proceso de traballo, Fuertes parte de cuestións ligadas ás circunstancias cotiás e á súa transformación, mostrando certos compoñentes da tradición expresionista e mesmo esperpéntica.

Con estes presupostos de partida, o artista elabora as súas pezas de xeito enormemente suxestivo, e nelas as formas inicias recollidas e expresivas ocupan un papel relevante. Un aspecto que singulariza estas obras é precisamente a dialéctica fidelidade/alteración dos principios da arte figurativa de tradición expresionista. De por parte, todas as súas creacións nacen como construcións plásticas que adoptan o espazo como elemento estrutural e de tensión, procurando un sentido intesamente expresivo. Estamos, xa que logo, perante un tipo de arte que parte da idea da deconstrución da realidade e que consegue propiciar a reflexión sobre aspectos chave do sentido estético, fundamentalmente a relación entre pensamento e forma, co espazo como territorio de dabate e de combate.

A mirada do artista achégase, polo tanto, a un imaxinario presente no fenómeno da creación e en consecuecia as cabezas podemos entendelas como metáforas. O escultor actúa non para resaltar unha finalidade evocativa senón que non agacha as contradicións sociais que a escultura fai explícitas. Preséntanos, daquela, a complexidade, o eclecticismo, mais tamén a atracción presente no suposto refugallo, con alusións e diálogos coa produción da arte contemporánea e a tradición, partindo do concepto de reciclaxe.

  • Seis cabezas

    Artista:Alejandro Fuertes Local: Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 3º, Vigo Até o 18 de maio

Ecléctica reciclaxe

O escultor actúa con consciencia do valor comunicativo da contrución artística. No seu caso, a realidade ofrecida perante a ollada do espectador transmite un elemento aberto canto as súas posíbeis lecturas, ao facer referencia á relación entre os materiais escollidos, o tema -as cabezas- e mais a súa función, a súa identidade. En consecuencia, as obras propician a posibilidade de seren entendidas desde un sentido estético e crítico pero afastadas dunha lectura cerrada.

De por parte, a exposición é un magnífico exemplo de como o punto de partida estético permite «abrir a visión” para transformar a percepción e o pensamento, para, en certo modo, recrear o real. Porque o que as pezas conseguen é situárense nun ámbito ambiguo desde os valores semánticos mais extremadamente nítido desde o plano formal.

Desta maneira, entre o obxectual e a peza resultante establécese unha tensión que permite ao espectador ollar dun xeito diferente, e esta mirada posibilita abrir o pensamento a unha experiencia espacial e ao tempo interior, é dicir, posibilita un pensamento visual.

De feito, ao contemplarmos estas «cabezas” xórdenos o concepto de «transvisual”, que é como chamaba Carl Einstein a unha categoría que, ao tempo que ultrapasa os fenómenos puramente ópticos, funciona como unha caravilla dialéctica entre «vista” e «visión” (Sehen e Schauen no orixinal alemán).

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents