Crónica de 'A cantante calva'

75 anos despois da estrea

Representación  de 'A cantante calva'.

Representación de 'A cantante calva'.

Manuel F. Vieites

En maio de 1950 tiña lugar no Théâtre des Noctambules, París, con dirección de Nicolas Bataille, a estrea da peza A cantante calva, primeira en francés do escritor romanés Eugen Ionescu, pouco despois publicada polo Collège de Pataphysique, ilustre institución creada en 1948 en honra de Alfred Jarry. A peza marcaría o inicio da tendencia coñecida como «teatro do absurdo», denominación proposta en 1961 por Martin Esslin nun volume que analiza a xénese dun movemento moi heteroxéneo no que incluía, amais de Ionesco, figuras tan destacadas como Adamov, Beckett, Genet ou Pinter.

Os trazos diferenciais da obra de cada un deles dá conta da dificultade de xuntalos baixo o mesmo palio, e por iso outros críticos, como George E. Wellwarth, por volta de 1964, falará dunha dramática da protesta e do paradoxo, incorporando pioneiros como Ghelderode ou o citado Jarry. Quería así mostrar a cerna dunha corrente na que paira tamén a pegada do existencialismo, e de Camus, autor de Le Mythe de Sisyphe (1942) ou Le Malentendu (1944).

Porén, para o caso de Ionesco, hai outros datos de interese. No estudo Destellos y teatro (2008), Mariano Martín Rodríguez relata a iniciación literaria de Ionescu en Bucarest, onde publica poesía e moita crítica literaria en diversos medios. Logo, en 1934, chegará Nu [Non], un título indicativo da súa actitude fronte ás institucións culturais, pois en varios capítulos cuestiona a obra literaria de autores recoñecidos, e, ao tempo, nega calquera posibilidade de discurso crítico en relación á literatura por derivar dunha mirada subxectiva desde a que afirmar unha cousa e a contraria.

Nos anos en Bucarest, estuda na Universidade, participa na vida literaria ao abeiro de revistas como Bilete de papagal, e amais de ler a obra Ion Caragiale, tamén coñece traballos de Tristan Tzara ou de Urmuz, pseudónimo de Demetru Dem. Demetrescu-Buzau, un dos grandes innovadores nas letras romanesas, quen nas Pagini Bizari (editado en castelán como Páginas extrañas), establece pontes con futurismo, dadaísmo e surrealismo.

Amais dunha documentada presentación, o dito volume de Martín Rodríguez presenta un conxunto de aforismos, os Sclipiri ou Destellos, na liña de Urmuz, e unha comedia nun acto titulada Engleceste fara profesor (Inglés sen profesor) escrita en romanés entre 1932 e 1946, que antecede A cantante calva, se ben se trate dunha obra diferente, máis aínda considerando o xeito en que remata, co público expulsado da sala. Aquela peza é fundamental para explicar a obra primeira de Ionesco, e o título fai referencia á súa materia dramática, integrada por expresións idiomáticas tomadas dos manuais Assimil para a aprendizaxe do inglés (Anglais sans peine, 1929), que recrean momentos básicos da conduta e da interacción humanas en situacións cotiás, con frases feitas como «my tailor is rich». Un texto cheo de incongruencias, desatinos, disparates e situacións sen pés nin cabeza. Velaí a razón de falar de absurdo.

A cantante calva pode entenderse, segundo palabras do propio Ionesco, como unha traxedia da linguaxe e da comunicación, na que os personaxes son marionetas movidas por fíos feitos con palabras, instalados nun balbordo expresivo asentado na incoherencia semántica e nunha disgregación cognitiva, como tamén mostrará A lección (1950). Dous textos especialmente útiles para comprender o momento presente, en que os vencellos entre significados e significantes se derrúen a diario e a estandarización da conduta social dilúe e replica as identidades. Existe unha versión galega dos dous, realizada por Henrique Harguindey Banet, con edición de Laiovento. Unha lectura moi recomendable.

Anti-obra

Ionesco escolleu para a súa peza A cantante calva un subtítulo que expresaba con precisión a súa finalidade. Ao definila como unha anti-obra, estaba cuestionando calquera posibilidade de canon, asumindo e poñendo en valor o furor dadaísta, que en boa medida xa defendera no conxunto de ensaios agrupados en Nu. Coma os futuristas, propoñía derruír a tradición, e a peza provocou na súa estrea un escándalo comparable ao que se viviu, tamén en París, nas de Hernani, de Víctor Hugo, en 1830, ou de Ubu rei, de Jarry, en 1896.

Sobre Hugo, Ionescu publica aos vinte e seis anos, nunha revista romanesa, o ensaio Hugoliade (Viata grotesca si tragica a Lui Victor Hugo), editado en francés en 1982.

Trátase dunha anti-biografía, que ofrece unha mirada á vida do autor francés moi marcada pola irreverencia, e polo que o propio Eugène, no prólogo, definía como desmitificación das grandes figuras e das institucións, para xogar, divertirse e escandalizar. Ionescu en estado puro, nunha sorte de homenaxe a Urmuz, o seu mestre, precursor de conceptos como anti-novela ou anti-literatura, dos que falará Sartre.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents