PARA COÑECER

Soutomaior, de castelo a paseo marítimo

Entrada ao castelo de Soutomaior, agora pechado polo protocolo para combater a expansión do coronavirus.  // D.P.

Entrada ao castelo de Soutomaior, agora pechado polo protocolo para combater a expansión do coronavirus. // D.P.

verónica palleiro [Soutomaior]

Nestes días nos que non se pode saír da casa polo estado de alarma decretado polo Covid-19, non é posible facer turismo ao uso, presencial, pero si virtual ou de lectura. Senón mesmo planificar visitas ou excursións para os próximos meses, unha vez que se supere a crise do coronavirus.

A proposta desta edición de Bisbarras é o municipio de Soutomaior. Entre os seus enclaves turísticos máis destacados recomendamos non perder: o seu castelo, o paseo marítimo de Arcade, a ponte colgante, A Peneda ou as súas praias.

O paseo marítimo de Arcade ten un percorrido de 1.700 metros á beira da desembocadura do río Verdugo. Está iluminado na súa totalidade, polo que se pode percorrer de día e de noite, e conta con pasarelas de madeira que pasan por debaixo das pontes do río Verdugo.

Soutomaior conta cunha ponte colgante de Soutomaior. Onde se atopan os ríos Verdugo e Oitavén, hai unha ponte que cruza o río nunha paraxe natural de excepcional beleza. Percorrela é divertido, especialmente para os pequenos da casa, aínda que hai persoas con vertixe que non son capaces de cruzala. Ademais, aos seus pés, existe unha pequena praia fluvial.

A Peneda é outro referente do municipio de Soutomaior. Antigo castro, posterior fortaleza de Castrizán (1477), e actual santuario da Virxe da nosa Señora da Peneda (mediados século XVII) . Goza dun emprazamento privilexiado, cunhas amplas vistas da ría e dos concellos limítrofes. Do castro apenas quedan restos, e da fortaleza consérvanse parte das murallas defensivas.

Por suposto, Soutomaior tamén ten praias, concretamente dúas na Ría de Vigo e completamente equipadas e accesibles. A Praia da Muxeira ou o Peirao e a contigua Praia de Matilde. As dúas praias están comunicadas por un paseo marítimo que chega ata a ponte medieval de Ponte Sampaio.

Tamén conta cunha praia fluvial no río Verdugo, a Praia de Sameán con área de lecer, e zonas de baño ao longo do río: Candán, Comboa e Aranza.

O Club náutico de Arcade ten as súas instalacións á beira da Praia do Peirao, e acceso directo ao peirao pesqueiro e deportivo.

E quedou para o final deste reconto dos principais enclaves a visitar de Soutomaior, pero non porque a súa importancia sexa menor, senón todo o contrario, porque a súa popularidade é maior.

O Castelo de Soutomaior é unha construción orixinal do século XII. Con todo, foi con Pedro Álvarez de Sotomayor, coñecido polo alcume de Pedro Madruga, con quen acadou o seu máximo esplendor xa que chegou a ser o epicentro da actividade política do sur de Galicia durante o século XV.

A fortaleza conta agora cun espazo museístico que mostra de maneira entretida e didáctica, con uso de audiovisuais e outros medios punteiros, información da súa historia, dos personaxes ilustres que a habitaron, a súa importancia en Galicia e a integración na bela contorna paisaxística.

Imprescindible é a visita aos seus xardíns cheos de árbores centenarias. As árbores máis antigas son os castiñeiros, con 800 anos de antigüidade, pero conta así mesmo cunha fantástica riqueza botánica, con árbores de gran porte e unha excelente colección de camelias.

Eventos adiados

A Festa da Ostra. O Concello de Soutomaior ía acoller a Festa da Ostra a primeira fin de semana de abril pero esta quedou suspendida como medida ante a epidemia do coronavirus. A XXXIV Festa da Ostra estaba prevista para o sábado 4 e o domingo 5 de abril. Nela estaba previsto que Benedicta Sánchez, a gran triunfadora na última gala dos premios Goya do cinema español, fose a pregoeira. A Festa da Ostra celébrase anualmente en Soutomaior e é abril o mes estrela para degustala. Celébrase na carpa montada no peirao de Arcade. Pódese apreciar a mestría de abrilas, cun coitelo curto e ancho, no momento de ser servidas para consumilas en cru ou con limón. Tamén se ofrecen en empanada ou en escabeche.

O Certame da Camelia. O Concello de Soutomaior acordou a suspensión temporal do Certame Floral da Camelia, que se ía a celebrar hoxe e mañá. O propio Castelo de Soutomaior, onde se celebra, está pechado debido ao protocolo para evitar a expansión do coronavirus. Este certame inclúe máis de cen metros cadrados de composicións florais coas variedades máis buscadas. E premia a mellor flor, o mellor traballo artístico e o mellor traballo escolar.

Soutomaior, de castelo a  paseo marítimo

Soutomaior, de castelo a paseo marítimo

Soutomaior, de castelo a  paseo marítimo

Soutomaior, de castelo a paseo marítimo

Tracking Pixel Contents