150 ANIVERSARIO
Antonio Palacios, un legado de construtores

Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra. / FDV
Luis López Diéguez
Antonio Palacios é un dos nosos máis destacados construtores. Emblemas da nosa arquitectura coma o Palacio de Cibeles ou o Círculo de Bellas Artes, en Madrid; o Teatro García Barbón, en Vigo; o Templo Votivo do Mar, en Nigrán; ou mesmo a casa consistorial do Porriño, a súa vila natal; levan a súa sinatura. Pero o seu legado é moito máis profundo que as fachadas dos seus edificios. Falar de Antonio Palacios é falar de inspiración, dunha referencia de talento e creatividade na que podemos mirarnos os pontevedreses para erguer esoutra casa común, que é a nosa provincia de Pontevedra.
Natural do Porriño, Antonio Palacios ocupa unha posición privilexiada no panteón de persoeiros ilustres da nosa provincia. Unha figura que ben podería pertencer ao Renacemento, pois cultivou con exquisita destreza disciplinas artísticas como o debuxo ou a pintura. Mais foi a arquitectura o eido no que o xenio creativo de Palacios acadou o seu máximo esplendor.
Nunca deixou Antonio Palacios de facer gala dunha extraordinaria sensibilidade cara o patrimonio galego. Deixou Galicia, mais nunca a abandonou. Mantivo fortes vínculos con destacadas figuras do seu tempo para formar parte da vangarda cultural galega, e nese amor pola terra, a provincia de Pontevedra ocupou un lugar central no seu corazón.
Antonio Palacios é o arquitecto das Rías Baixas. Tanto, que as fixo universais ao integralas en obras súas por todo o país. Non é unha casualidade que no centro do Palacio de Cibeles haxa un escudo de Galicia. Como tampouco o é que a pedra, elemento singular do seu Porriño natal, sexa un dos materiais clave da súa arquitectura. Foi a súa gran aposta e un simbólico xesto de encher as súas obras do agarimo, amor e profundo respecto á nosa terra.
Na nosa provincia é onde puido dar renda solta á súa imaxinación e creatividade
É Madrid a cidade que acolle o maior número das grandes obras do noso arquitecto. Pero é na nosa provincia onde puido dar renda solta á súa imaxinación e creatividade. Aquí podemos contemplar elementos arquitectónicos co selo de Palacios como o Teatro García Barbón, o edificio Banca Viñas-Aranda ou o convento de clausura das Salesas reais en Vigo; en Baiona como a Virxe da Roca; en Mondariz-Balneario como o pavillón da fonte da Gándara e de Troncoso; en Nigrán, como os chalés Sileno e Celso Méndez ou o Templo Votivo e a casa reitoral de Panxón; e na súa localidade natal, no Porriño, con exemplos como a fonte do Cristo, a Casa do concello, a Botica nova ou o Fornelo da Rede de San Luís.
Exemplos vivos, que temos o privilexio de telos ao noso carón e que podemos e debemos visitar. Obras, en definitiva, que converteron a Antonio Palacios nun dos grandes xenios da arquitectura española do século XX.
Na Deputación de Pontevedra estamos sumamente implicados na posta en valor, recoñecemento e divulgación da vida e obra de Antonio Palacios. De feito, no Arquivo provincial aínda conservamos documentos que demostran a implicación do arquitecto no xurdimento do Museo de Pontevedra. Unha institución que está a piques de celebrar o seu primeiro centenario e que nos seus fondos conta con tres obras pictóricas de Antonio Palacios, que desde este ano 2024 forman parte da súa colección permanente.
Sobran os motivos para que neste 2024, no que se conmemora o 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios, rendamos unha xusta homenaxe. Porque as súas leccións superan a arquitectura. Transcenden o plano ou o inmoble para amosar, a nós os pontevedreses, os lazos permanentes de unión que nos conectan permanentemente con outros territorios de España. A Comunidade e a cidade de Madrid constitúen un gran exemplo desde hai moito.
Compre difundir ao Palacios arquitecto e ao Palacios que tende pontes de creatividade e afecto aquí e alá
Como Palacios no seu día, hoxe son multitude os pontevedreses que triunfan en Madrid, e non son menos os madrileños que atopan na provincia de Pontevedra o lugar onde facer a súa vida ou pasar os mellores días do seu ano. Por esa razón, cómpre difundir ao Palacios arquitecto e ao Palacios que tende pontes de creatividade e afecto aquí e alá. Xa non é que o homenaxeado fóra un construtor dunha provincia ou dunha capital, foino á súa maneira de todo un país, España, repleta doutros Palacios de antes e de agora que se afanan por vertebrarnos como sociedade.
Nas actuais circunstancias, nunca sobran os recoñecementos a persoeiros que constrúen e non rachan. Que unen e non dividen. E o 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios é a mellor oportunidade para lembrarnos de que nós, coma el, tamén podemos facer a nosa parte para contribuír á cohesión e o progreso de moitos. Sempre desde esta provincia extraordinaria chamada Pontevedra.
- Así es el sencillo test que deben hacerse todos los mayores de 50 años para detectar el cáncer de colon
- Hacienda lanza un aviso: queda prohibido seguir pagando en efectivo estas cantidades a partir de ahora, aunque sea fraccionado
- Compra un barco en Santander, se estropea al (re)estrenarlo en la ría de Vigo y pierde el juicio contra el vendedor
- La Xunta sube el sueldo a más de 2.000 funcionarios que antes eran laborales
- Muere una mujer en Salvaterra tras caerle encima un bloque de granito
- Llega la nueva jornada laboral a España: ¿tendremos 12 días más de vacaciones?
- Largas colas desde primera hora para conseguir la nueva camiseta del Celta
- Alertan a los dueños de gatos de un brote de una enfermedad potencialmente mortal