Opinión
No amencer deste primeiro luns de Pascua
Proclamabamos nas celebracións da Eucaristía do domingo de Pascua un parágrafo do evanxeo de Xoán no que se nos di que no amencer daquel día, María Madalena foi ao sepulcro e atopouno baleiro.
Tamén na rompida do día deste primeiro luns de Pascua, a esperanza na resurrección chegou á súa plenitude para Francisco. O papa da fin do mundo. O home que non cansou de dicirnos que a Igrexa non pode ser unha aduana, senón un hospital de campaña. O papa que invitou a facer da Igrexa berce de misericordia e non cárcere de reclusión. O papa que chamou a elaborar unha teoloxía creativa e rigorosa, asentada nunha mirada sobre a casa común -xa lugar teolóxico- desde o que reflexionar, con discernimento, sobre os problemas, desacougos e dificultades dos homes e mulleres do noso tempo.
E todo sabendo ter sempre en conta que a Igrexa non é unha realidade uniforme conformada por unha soa voz, senón un poliedro amplo, plural e con moitas caras no que, quen así o queira, pode sentir e gozar que o Deus de Xesús é un Deus ledo, acolledor e misericordioso. Ese mesmo Deus que nos agasallou con estes marabillosos doce anos nos que Francisco, navegou contra non poucas tempestades, moitas delas -quizais a súa maioría-, dentro da mesma Igrexa por parte daqueles que lle xuraron fidelidade e defendelo ata verter por el o seu sangue.
Ao longo destes doce anos foi conformando un rico maxisterio que se despregou en tres eixes desde os que ía pondo de manifesto que a Igrexa, se non volve a mirada ao evanxeo e non é quen de poñer o corazón nas persoas, acabará sendo unha obra de museo que visitarán as xeracións futuras. De aí que esperanza, misericordia e escoita teñan sido estes tres temóns a través dos que foi desenvolvéndose a dificultosa travesía dunha Igrexa que tiña que deixarse guiar polo vento mainiño do Espírito e a vela, sempre despregada, do Concilio Vaticano II.
Froito desta navegación, guiada pola tripla do temón con rumbo á defensa da dignidade das persoas, foinos deixando Francisco unha teoloxía aberta, enraizada e acompañada da fondura do discernimento -eixe fundamental no ADN xesuítico-, que considera ás persoas crentes maiores de idade e con capacidade para tomar decisións desde a súa liberdade responsable e en conciencia, como persoas adultas na fe e con criterios de concreción.
O servizo de Francisco á Igrexa e ao mundo, como continuador do ministerio comezado por Pedro hai dous mil anos en Galilea, deixounos un legado no que se recuperou a voz profética da Igrexa nun mundo lastrado polo engano, as mentiras, a manipulación e a cousificación das persoas. Francisco, co seu maxisterio de presenza nos lugares da xente máis empobrecida do mundo e a súa aposta por unha Igrexa precisada de descentralización e aberta a facer escoitar a súa voz en Roma desde as periferias, converteuse en referente moral deste noso mundo líquido; á vez que foi o gran mestre pedagogo que foi marcando o camiño da misión a bispos e curas na maneira de vivir, sentir e desenvolver o seu servizo ministerial no medio do mundo enfrontado e tan precisado de paz.
Os seus chamados á paz en Ucraína, Gaza e demais países en guerra do mundo, xunto coa denuncia polo corazón endurecido diante da acollida e respecto para coas persoas migrantes, foron voz autorizada para invitar a ver o mundo como casa común e non como campo de batalla.
Que a esperanza, que sempre o moveu a poñer a confianza en Deus e a non deixarse dominar polos conflitos e a convicción de que o Deus ledo e acolledor nos fai participar do gozo da resurrección que xa chegou para el sigan animando o noso camiñar no medio do mundo, para facer do seu legado pastoral, teolóxico e evanxélico alento de camiñar sinodal e disposto sempre á escoita de quen a nós se dirixe.
- Pablo González, quemado tras beber agua mineral con gas de una botella: «Le di un trago al agua y en segundos noté que me quemaba vivo por dentro»
- El cirujano Diego González Rivas sorprende a Alba Carrillo con este menú gallego: «Debería ser patrimonio de la Humanidad»
- Xurxo Mariño, neurocientífico: 'No podemos curar el alzhéimer ni el párkinson porque no conocemos con detalle su génesis
- Este es para muchos el restaurante «más bonito» de Galicia: un molino reformado con una mágica terraza junto al río
- Tensión a bordo de un vuelo de Iberia parado más de tres horas en la pista del aeropuerto de Santiago
- Vigo acoge un festival gratuito este fin de semana para disfrutar del buen tiempo: arte, naturaleza y mucha música
- Miguel Suárez Briones (médico): «La gente que nos dirige se tiene que poner un poco en la piel del paciente»
- El furancho a un paso de Vigo que no te puedes perder: sirve churrasco y es de los pocos que abre al mediodía