A película sobre o Pulitzer que non quería entrevistas

César Souto leva aos cinemas o documental «A foreign song» sobre Wallace Stevens

O documental «A foreign song», de César Souto. |  C.S.

O documental «A foreign song», de César Souto. | C.S.

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Wallace Stevens (1879-1955) foi un poeta norteamericano que gañou diferentes premios, entre eles o Pulitzer. A pesar do recoñecemento «non quería entrevistas; para el, o importante na poesía non era a biografía do autor senón a formalidade, a linguaxe. Tiña moi claro que quería poñer o foco nos aspectos creativos. Por iso era reticente ás entrevistas e a proxectarse como artista», sinala o director de cinema galego César Souto que presenta a partir de mañá nas salas un documental sobre o escritor, «A foreign song».

Esta longametraxe busca revelar a poesía e pequenos trazos do poeta Wallace Stevens.Non agarden unha biografía.

Que un documental ou película independente chegue a proxectarse nos cinemas comerciais segue a ser unha proeza. No ano 2022, César Souto gañaba o premio á mellor película española no Festival de Cine de Gijón (FICX) con «A foreign song». O filme recala o luns en Vigo con coloquio co director nos Multicines Norte.

Terá tamén pases confirmados na NUMAX de Compostela hoxe (19.45 horas con participación de Souto), mañá e pasado. O martes vindeiro saltará aos cinemas Cantones de A Coruña; o xoves 8 de maio verase nos Duplex de Ferrol e ao día seguinte nos Codex de Lugo.

«É un momento de felicidade que a película chegue ao público despois dos festivais. Estou encantado de poder compartir cos espectadores», sinala César Souto.

O documental aúna a poesía de Wallace co nacemento das filmacións domésticas contemporáneas dos anos 20 e 30. Foi 1923 o ano fundacional do cinema familiar co lanzamento da primeira cámara de 16 milímetros de Kodak pensada para o público amateur.

Nesa época, Wallace Stevens «é un habitante dos suburbios onde se atopaban as casas acomodadas para as elites empresariais xa que el traballaba para unha compañía de seguros», sinala Souto que rodou no barrio onde viviu poñendo en contraposición as imaxes actuais coas da urbe de hai un século atrás.

A medida que avanza a película, voces en off len a correspondencia onde podemos coñecer o parecer da poeta sobre a súa vida e o impulso de escribir poesía. «El fala nas cartas da súa vida rutinaria. Se escarvas un pouco percibes a insatisfacción coa vida. A poesía xurdía para el dunha necesidade do individuo satisfeito», engade o director galego.

Entre as voces participantes no filme, atopamos a da poeta Erin Moure, amante da poesía galega que mesmo ten traducido a autores galegos ao inglés para o mercado norteamericano.

No caso de Wallace Stevens, este «pensaba a súa poesía mentres ía de camiño ao traballo».

Tracking Pixel Contents