Onde os nenos son máis nenos
As experiencias lúdicas na natureza exercen un efecto positivo sobre a aprendizaxe da cativada, tanto a nivel físico como emocional

Os peques da Naturoteca exploran os arredores de Sárdoma. / Cedida
O debate é tan actual como manido: estamos vivindo de cóstas á infancia? Somos unha sociedade nenófoba? Que espazos das nosas cidades poden habitar libremente as crianzas?
Cada vez máis familias e expertos denuncian esta tendencia que parece gañar terreo a pasos axigantados. «Tenemos menos niños y encima nos molestan», afirmaba semanas atrás a FARO o educador e formador especializado en Espazos e Creatividade Siro López, a raíz da última polémica sobre a contaminación acústica e os patios escolares en Cataluña.
Fronte a isto, proxectos como a Naturoteca, en Vigo, reivindican a importancia de crear espazos onde a cativada poda xogar e aprender de xeito libre. E acaso hai lugar mellor para iso que a natureza?
Sacar a escola ó bosque

Excursión polo bosque. / Cedida
A Naturoteca é un campamento ligado á iniciativa de Ecolectivo, un «espazo sociocultural, laboratorio de ecoloxía e illa de diversidade» ubicado no Camiño Monte da Serra, na parroquia viguesa de Sárdoma.
A unión destes proxectos non é casual; as súas fundadoras, Marta Failde e Naira Hernández, coñecéronse alí. Ambas atoparon neste lugar, rodeado de natureza pero a só 10 minutos do centro da cidade, o escenario ideal para levar a cabo un proxecto vencellado á infancia, á aprendizaxe e á permacultura.
«Os nenos necesitan espazos nos que poder abrir a súa enerxía e poñer o volume ao máximo»
«Naira é técnica en Educación Infantil e formouse en ‘Bosques-escolas’ cando iso aínda era unha cousa case anecdótica en España», explica Marta Failde, graduada en Arte Dramático e cunha carreira profesional ligada á pedagoxía teatral, a educación Montessori e «ós procesos de aprendizaxe en calquera idade».
Os ‘bosques-escolas’ ou ‘escola-bosque’ son unha metodoloxía de aprendizaxe baseada no aire libre e a conexión coa natureza, peza chave no proxecto da Naturoteca. Se ben agora está estendida por todo o mundo, as súas orixes sitúanse no noso país, coa creación da Institución Libre de Ensinanza no ano 1876. Posteriormente, en 1914, a educadora Rosa Sensat, referente no eido de pedagoxía en España, fundou a primeira escola ao aire libre.
O seu exemplo inspirou outros centros tanto dentro como fóra do país, en Dinamarca, Noruega, Alemania ou mesmo Corea do Sur. Precisamente foi en Alemania onde se fundou o primeiro centro homologado de ‘Escola-bosque’, impulsado polo educador Philip Bruchner. Pero cales son os beneficios do contacto da rapazada co entorno natural?
«Hai moitas cousas que teñen que ver coa saúde física e a mental. A enerxía dos nenos é bastante expansiva e non é o mesmo xestionala en espazos abertos que pechados», conta Failde, «eles están nun momento da vida onde necesitan espazos nos que poder abrir a súa enerxía e poñer o volume ao máximo».
«Se xa dende a infancia normalizamos un vínculo coa bichería, coas especies animais ou coa flora, eles van ser os primeiros en protexelos»
Ademais, estar na natureza é positivo para os pequenos e pequenas en canto a motricidade e desenvolvemento físico. «Hai moito reto, terreo irregular, cousas que trepar…», expón a cofundadora da Naturoteca. Varios estudos, coma os realizados polo profesor alemán Roland Gorges, demostran que isto fortalece a musculatura e o control sobre o propio corpo e mellora o equilibrio e a propiocepción (a capacidade de detectar a nosa ubicación e movemento no espazo).
A aprendizaxe tamén abarcan un plano máis emocional. «Eu sempre digo que non se pode coidar o que non se ama. Se xa dende a infancia normalizamos un vínculo coa bichería, coas especies animais ou coa flora, eles van ser os primeiros en protexelos porque o coñecen ben», afirma Failde.
Queda claro que na natureza os cativos poden ser «máis cativos» que no entorno urbano, pero a educadora engade: «Sobre todo, alí as adultas podemos coidar aos nenos sendo máis nenos. Non tes estruturas que te reducen, non estás tan pendente de ‘ai, ten coidado con isto, que molesta’. Eu convidaría ás familias a animarse máis a ir a espazos abertos».
Convivencia e xogo
A Naturoteca leva funcionando dende o ano 2019 e abre as súas portas coincidindo cos períodos vacacionais dos escolares. Por exemplo, esta primavera terá lugar os días 14, 15 e 16 de abril. Os campamentos están dirixidos a rapaces de 3 a 12 anos e brindan unha proposta aberta de actividades, como teatro ao aire libre, horta, sesións de cociña ou excursións polo bosque.
«Sempre digo que nós traballamos un pouco ao revés. Non programamos e logo facemos, senón que suceden tantas cousas cando as peques están aquí que operamos ao revés; cando algo esperta o seu interese, nós facilitamos os procesos e os contidos», detalla Marta Failde, «máis que unhas obsesionadas en programar, somos unhas obsesionadas en deixar facer».
A educadora está convencida de que «o xogo é o motor da aprendizaxe», e por iso na Naturoteca insisten na idea de propiciar unha atmosfera de xogo libre dentro dun marco de seguridade para as crianzas. «Somos unha membrana que sostén un sistema vivo que é a infancia. Fuximos dunha lóxica produtivista de ter aos nenos facendo cousas e cousas e cousas sen parar». De feito, afirma que elas non son monitoras, senón «acompañantes».
«Os humanos somos natureza, o seu coidado é o coidado de todos os seres vivos»
Por outra banda, os coidados e a convivencia tamén ocupan un lugar especial no campamento. Ao comezar a quenda organízase unha asemblea de benvida e ao rematar, unha de peche. Ofrécese a oportunidade de falar abertamente de como se sinten e se abordan os conflitos que poidan xurdir, como por exemplo, unha despedida difícil cos pais ou a relación co resto de compañeiros e compañeiras.
O sentimento xeralizado tras o paso pola Naturoteca é de satisfacción e alegría, tanto por parte das familias como dos pequenos, que adoitan querer volver na seguinte convocatoria. Hai nenos que levan dende que arrancou o proxecto medrando ante os ollos de Marta e Naira. «Pensamos moito no día en que xa sexan maiores para vir. O noso gran soño sería ampliar o campamento á etapa adolescente».
Os días neste recuncho de Sárdoma serven para mancharse ata arriba de barro (e que iso non supoña problema algún), para coñecer os nomes das árbores e as plantas da nosa contorna, para facer novas amizades e, para sorpresa dalgunhas familias, ata para probar e aprender a gozar da froita.
«Nós, os humanos, somos natureza, o seu coidado é o coidado de todos os seres vivos, o coidado da vida. Esa é a base da permacultura e tamén a ensinanza principal que nos gustaría transmitir aos nenos que veñen á Naturoteca», conclúe Marta Failde.
- La Guardia Civil extrema ya la vigilancia en la tapa de la gasolina del coche: podrán sancionarte con 200 euros
- Qué es la hernia de hiato, que afecta sobre todo a los mayores de 50 años y no tiene tratamiento
- Una inspección en una cafetería viguesa por quejas vecinales termina con la incautación de droga a clientes
- Obligan a las dueñas de un piso de Vigo a retirar el jardín con un arce de su terraza por agrietar el edificio
- Más de 200 migrantes residen desde hace seis meses en Mondariz-Balneario: «Nos queremos quedar en Galicia»
- La Guardia Civil ya multa: vigila miles de maleteros de coches para comprobar que lleves este artilugio siempre
- El cocinero gallego con estrella Michelin que ahora toca y canta en la calle Príncipe de Vigo
- Miguel Álvarez: «Acabo de abrir cuatro cabañas con vistas espectaculares a los cañones del Sil»