Sumerxirse nun mundo virtual no que adentrarnos na resposta rápida ás ameazas para a nosa ciberseguridade é posible ata o próximo sábado na explanada da Laxe, ao lado da escultura do Nadador, en Vigo. O subdelegado do Goberno, Abel Losada, inaugurou a exposición #Experiencia INCIBE que organiza o Instituto Nacional de Ciberseguridade, órgano do Ministerio para a Transformación Dixital, e que está percorrendo toda España.
Losada enfundouse as gafas de realidade virtual para experimentar en primeira persoa os riscos que hai detrás de cada clic. Dentro da carpa do INCIBE, que estará operativa en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 20.30 horas ata o 27 de xullo, e acompañado pola directora do porto de Vigo, Beatriz Colunga, comprobou a eficacia deste recurso didáctico.