Castromaior, o poboado da Idade do Ferro que saúda os peregrinos do Camiño Francés

Trátase dun dos xacementos máis importantes do Noroeste peninsular

Foi elixido estratexicamente polas súas excelentes vistas e a súa posición defensiva

Ao pé do roteiro xacobeo e a poucos quilómetros do concello lucense de Portomarín, ao que pertence, o poboado de Castromaior é unha testemuña milenaria da Idade do Ferro que segue cativando tanto peregrinos como visitantes ou amantes da arqueoloxía. Trátase dun dos xacementos máis importantes do Noroeste peninsular e o auténtico castro do Camiño, xa que a súa visita non supón ningún rodeo nin ningún desvío debido a que o trazado orixinal pasa por un dos fosos do norte do complexo defensivo deste asentamento na etapa Portomarín-Palas de Rei.

Situado sobre un suave outeiro que domina un extenso val, o castro foi elixido estratexicamente polas súas excelentes vistas e a súa posición defensiva. Os antigos poboadores erixiron aquí un asentamento fortificado cuxo territorio se dividía nun recinto principal –onde se concentraban as vivendas– e en varios espazos anexos, todos rodeados por murallas e fosos que ían formando sucesivas plataformas ao redor dunha extensa zona que define unha gran superficie duns corenta mil metros cadrados. Habitado desde os séculos IV-V a.C. ata o I d.C., o castro viviu un crecemento continuo antes de desaparecer ante a inminente expansión do Imperio. A transformación social e cultural que acompañou a chegada dos romanos marcou o fin da súa ocupación, deixando tras de si o vestixio dun asentamento que soubo organizarse nun complexo entramado defensivo.

O interese por este poboado vén de lonxe. No ano 1840 aparece nos escritos de Madoz a primeira referencia ao castro de Castromaior. No ano 1992 é catalogado e inclúese no Inventario Xeral de Xacementos Arqueolóxicos de Galicia. En 2006 comezan os traballos de prospección superficial e sondaxes para determinar a súa potencialidade. Durante as campañas de escavación realizadas entre 2006 e 2009 destapáronse importantes estruturas e clarificouse a secuencia construtiva do poboado, o que permitiu, en 2010, que o castro fose declarado Ben de Interese Cultural. Mais recentemente a Xunta de Galicia culminou labores de limpeza e consolidación que melloraron significativamente a estabilidade e conservación do conxunto, facilitando a súa visita cultural e a súa integración no roteiro xacobeo. As datas máis antigas confirmadas de Castromaior remiten ao século-IV antes de Cristo e supoñen unha ocupación continua do poboado ata os primeiros contactos co mundo romano, que apenas deixou influencia no asentamento.

As sucesivas escavacións realizadas e as obras de recuperación permitirón deixar á vista un bo número de vivendas e outras dependencias. Trátase dun recurso de excepcional valor cultural que conta co seu propio centro de interpretación, obra do arquitecto Carlos Pita, á espera da súa musealización.

Mais con museo ou non, estamos diante dunha obra monumental –case catro hectáreas– pola súa extensión e a súa complexidade estrutural, con presenza de ata seis recintos delimitados por murallas e fosos. A vista das vivendas e partes das murallas favorecen a comprensión do poboado e o seu continuo crecemento ata o século I. O vello castro é, pois, o elemento cultural máis destacable da parroquia de Santa María de Castromaior, cuxa pequena igrexa conserva a súa traza románica e unha talla da Virxe no interior, tamén románica, xunto a un retablo renacentista.

Ineludible nesta etapa é o propio descubrimento de Portomarín e os seus monumentos, como a igrexa románica de San Pedro e a impoñente igrexa fortaleza de San Nicolao, un dos máis fermosos templos deste estilo do Camiño. Construída a finais de século XII por discípulos do Mestre Mateo, a portada principal mostra precisamente a influencia do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago. Levantada pola Orde de San Xoán de Xerusalén, San Nicolás tiña baixo o seu control a ponte que atravesaba o Miño e o coidado do hospital de peregrinos, de aí o seu aspecto de fortificación.

O legado das pedras

A igrexa de San Nicolao conta con tres magníficas portadas esculpidas, decoradas con todo o simbolismo románico. Destaca tamén o rosetón da fachada e a decoración das súas portas, especialmente a do lado sur con motivos naturais e a representación dos vinte e catro anciáns da Apocalipse rodeando ao Salvador. Foi declarada Monumento Histórico Artístico en 1931.

O vello Portomarín quedou sepulto baixo as augas do encoro de Belesar, construído na década dos anos sesenta. A fermosa vila lucense de tradición medieval foi trasladada pedra a pedra ao Monte do Cristo e aí segue, contando a cada paso o periplo xacobeo. Un a un tamén foron levados os pazos medievais, hoxe situados na praza principal do concello, como o Pazo do Xeneral Paredes ou Casa do Conde da Maza (século XVI), fermoso exemplo de arquitectura civil e hoxe sede do Concello. Ao sur da praza aparece a Igrexa de San Pedro e ao seu lado o Pazo da Marquesa de Bóveda e Limia ou Pazo de Berbetouros (século XVIII), edificios ambos trasladados desde o antigo barrio de San Pedro desde o vello Portomarín.

Tracking Pixel Contents