Opinión

Beijing +30: tres décadas de loita, resistencia e camiño cara á igualdade

En 1995, 189 países reuníronse na Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, organizada pola ONU en Beijing. Alí, as mulleres alzaron a súa voz e lograron que se adoptara a Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, un documento histórico que marcou o camiño cara a igualdade que durante séculos vindicaran as feministas.

O acordo identificou doce áreas de acción prioritarias: acceso á educación e á saúde, loita contra a violencia machista, participación equitativa no mercado laboral e representación na toma de decisións políticas e económicas, entre outras.

Aquelas demandas supuxeron a aprobación de normas e políticas públicas que permitiron ter un marco legal e institucional enfocado á igualdade entre mulleres e homes, demostrando que o cambio no sistema patriarcal non só é posible senón que é imprescindible para avanzar cara unha democracia plena.

España foi un dos países que máis avances estableceu no seu corpus xurídico. Somos unha referencia a nivel mundial, pero queda moito para acadar a igualdade plena. Neste 8-M quero reivindicar aquel momento histórico, pero non podo deixar de pór o foco nas tarefas pendentes da axenda feminista. Quedan demandas fundamentais que acadar:

• A erradicación da violencia contra as mulleres.

• A redistribución equitativa dos coidados.

• A paridade total e o liderado na toma de decisións.

• A fin da fenda salarial, a precarización laboral e a consecución dos dereitos económicos para as mulleres.

• A loita contra os discursos de odio e os retrocesos políticos que a dereita ultra e a ultradereita queren impoñer.

• O acceso a unha xustiza con perspectiva de xénero. Precisamos reformar os sistemas xudiciais para evitar a revitimización e garantir que as mulleres accedamos a un proceso xusto e seguro.

• A loita contra a prostitución e trata de mulleres. Declárome abolicionista.

• Unha posición nítida contra o uso dos corpos das mulleres como mercadoría e garantía dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos.

Son moitas as vindicacións que aínda temos que lograr. A loita segue e non imos permitir retrocesos. A loita feminista é clara e a esixencia é innegociable: igualdade real, xustiza e dereitos para as mulleres. Sen dilacións nin escusas.

Este 8-M sairemos ás rúas a denunciar as desigualdades que padecemos e a esixir as reformas estruturais que demandabamos en Beijing.

"Irmás, camiñemos xuntas ata que a igualdade real sexa lei de vida".

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents