Opinión | Sputnik
A cara B do fútbol

Panorámica da celebración en Madrid da Copa de Europa de fútbol. / EFE
Contei en máis dunha ocasión a envexa que me produce o fervor do fútbol, esa paixón de quen ama o seu equipo por riba de todas as cousas. Fascíname esa entrega incondicional, establecer un lazo de amor a través do deporte. Unha sorte de comuñón entre seareiros que non renuncian a emocionarse. Expreso isto pensando en quen se rebela ante a perda de entusiasmo, naquelas persoas que constrúen unha trincheira contra a desilusión e non teñen reparos en estoupar de alegría ou chorar con desconsolo cando toca. Porque o equipo é un corazón que latexa dentro de miles e miles de peitos. Como non renderme a isto? A cara b do fútbol non creo que sexa a cara b do fútbol, creo que é a cara b das persoas. Fútbol é deporte, e o deporte é, en si mesmo, limpo. Quen o corrompemos somos nós. Creo que por iso me renxe cando a xente carga contra o fútbol. Sei que é un xeito de falar, pero cando alguén manifesta que detesta o fútbol e esgrime os seus argumentos, en realidade, o que está esgrimindo son argumentos sobre os comportamentos dos seres humanos. Hai unhas semanas colleume na capital a celebración do último título da Champions League. Os seguidores do Real Madrid tomaron as rúas, que foron cortadas pola policía. A cidade converteuse nun caos, de día e de noite. O certo é que da man dos seareiros do Real Madrid creouse un ambiente difícil de dixerir. Berros, empurróns, descontrol no medio dunha celebración que obrigaba a fuxir da rúa e procurar acubillo nalgún lugar onde estar a salvo. Detesto ese nivel de agresividade e impresióname que a alegría poida provocar ese grao de violencia. Tamén estaban na rúa os seareiros do Borussia, que aproveitaron a ocasión para liberar os seus propios diaños, mais esa é outra historia. O pasado domingo, os berros dos veciños de Navia, que se asomaron ás fiestras para narrar o triunfo de España, fixéronme pensar. Non me importa que a xente se alegre e berre de ledicia, non me entendan mal. Pero pensei en que sempre son berros de homes. Non no campo, nin un espazo privado, onde as mulleres tamén se liberan. Pero eu nunca xamais escoitei un berro de muller rompendo a tranquilidade da noite porque o seu equipo marcase un gol ou porque gañase un título. Hai un exercicio de contención permanente que ten que ver coa educación o co lugar que ocupamos no espazo público. Tamén é verdade que cando formas parte desa comunidade non importa que haxa berros de ledicia, porque ti estás nesa mesma frecuencia. Pero que sucede cando non estás? As redes convertéronse na noite do domingo nun lugar moi hostil. Porque había quen protestaba porque a xente celebraba un triunfo de España mentres morrían nenas e nenos en Gaza, porque outros sinalaban con furia o fútbol coma o opio do pobo, con argumentos tan desgastados coma “mobilízanse polo fútbol e non polas cousas verdadeiramente importantes” (a policía do fútbol), había quen acusaba aos galegos seareiros de España de ser pouco galegos porque Galicia is not Spain, e tamén quen argumentaba que esta selección representa a unión e a diversidade, quen protestaba polos berros dos veciños, quen se ofendía e alegaba «que pasa, que son menos galega por querer que gane España?» Isto é o que me molesta. O grao de crispación, a falta de tolerancia, os insultos racistas con Lamine Yamal e Nico Williams, os xogadores negros da selección española. O que me molesta é a cara b dos seres humanos, a carencia de escrúpulos, a intolerancia. A falta de intelixencia, que é algo que non perdoo cando vai da man a ousadía e da prepotencia.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil extrema ya la vigilancia en la tapa de la gasolina del coche: podrán sancionarte con 200 euros
- ¿Tienes el código '01' en tu permiso de conducir? La Guardia ya para y multa a los conductores que no lo cumplen
- La Guardia Civil ya multa: vigila miles de maleteros de coches para comprobar que lleves este artilugio siempre
- No es Cudillero, pero casi: el pueblo marinero más bonito de España está en Galicia y no, no es Combarro
- Los 5 gastos que nadie sabe que se puede desgravar en la Renta 2025
- El declive de un mercadillo ambulante con apenas 60 licencias: «Cada día es más flojo»
- Sorpresa en el Barrio do Cura: ¿vestigio romano o conducto moderno de agua?
- Obligan a las dueñas de un piso de Vigo a retirar el jardín con un arce de su terraza por agrietar el edificio