Santiago

Corenta anos do CAF de Historia: memoria da loita estudantil en Santiago

Máis de catro décadas despois, os impulsores daquel movemento xúntanse de novo nun encontro para lembrar a pegada que lles deixou aquela experiencia e a súa participación decisiva para a democratización da Universidade

Manu López

Santiago

A recuperación dunha imaxe de hai 40 anos levou os antigos integrantes do CAF da Facultade Historia da USC a querer xuntarse para rememorar aquel momento. A foto, tomada no curso 1984-1985, retrataba os membros da candidatura do CAF (Comités Abertos de Facultade) que saíu vitoriosa nas primeiras eleccións da Xunta de Facultade, todo un fito na democratización da Universidade e na participación do movemento estudantil na toma de decisións da institución académica.

O xornalista Xabier Fortes, a exconcelleira en Ames Pilar Candocia, o deputado no Congreso Néstor Rego, o edil na Coruña Francisco Jorquera, ou o catedrático Lourenzo Fernández Prieto son algúns dos integrantes daquela candidatura, coa que «arrasaron» nas eleccións. «Os CAF tiñan moita forza», lembra o propio Fortes, un dos impulsores do encontro deste venres, sinalando que o de Historia era «a nave nodriza», pero que tamén era «moi potente» en Filoloxía, Económicas ou Dereito. Por iso, Fortes fai fincapé en que o acto de mañá é aberto a todos os centros da Universidade, como indican as súas propias siglas.

O evento, que terá lugar na Facultade de Historia ás 18.30 horas, servirá para facer memoria do que supuxo aquela experiencia para os seus protagonistas e reflexionar sobre a súa contribución ao movemento estudantil. Constará dunha mesa redonda moderada polo propio Fortes, e na que participarán os mencionados Candocia, Jorquera e Fernández Prieto, ademais de Cano Paz e Lilian Horst. «Tamén queremos repetir a foto», sinala Candocia, que se encargou de establecer contacto cos protagonistas e conseguiu confirmar a asistencia de máis de corenta persoas das arredor de sesenta que se implicaron naquelas reivindicacións.

Época de mobilizacións

Os promotores deste reencontro rememoran que aquel curso foi moi intenso para o movemento estudantil, con mobilizacións, peches e protestas contra o prezo dos pisos ou das taxas universitarias, en defensa das becas ou denunciando o mal coidado do Burgo das Nacións. «O movemento estudantil aquel ano foi tremendo», indica Fortes, que destaca que é unha época á que lle garda «moito cariño».

«Era o inicio da democratización da Universidade, o momento en que se fixeron os estatutos. Os estudantes participamos na elaboración e metemos moitas cousas. Tivo un gran impacto nese momento a presenza do estudantado no claustro constituínte, porque era a primeira vez que se elixía un organismo que gobernase a Universidade e o primeiro rector», apunta Candocia. Entre outros logros, cre que tamén foi moi relevante «a unión co movemento obreiro» ou o impulso ao movemento feminista, xa que «a primeira asemblea do grupo de mulleres da Universidade foi a de Historia».

Unha plataforma diversa e plural

A presenza de persoas ligadas a diferentes forzas e ideoloxías políticas foi outro dos trazos identitarios dos CAF. «Naquel momento había moitas organizacións conectadas a forzas políticas e cos CAF conseguiuse facer unha plataforma onde non houbera siglas, moi diversa e plural», remarca Candocia. Fortes constata que «era un movemento de esquerda, moi galeguista, pero moi aberto, no que estaba xente desde o MC, ata o BNG ou Esquerda Galega».

O xornalista valora tamén que a data elixida para o reencontro, o 25 de abril, coincidindo co aniversario da Revolución dos Caraveis, «simboliza perfectamente o espírito do CAF». «Creo que non hai mellor data que un 25 de abril, e imos tamén tratar de levantar todo Santiago».

Legado para as seguintes xeracións

No que respecta ao legado que puideron deixar para o movemento estudantil actual, Candocia asegura que «non pretendemos ser inspiración de ninguén, pero que se coñeza o pasado sempre é bo». Así, afonda en que «ao mellor somos hoxe o que somos porque houbo antes outra cousa» e indica que outras loitas previas tamén foron referentes para eles. En calquera caso, Fortes conclúe que «cando se producen circunstancias que obrigan a mobilizarse, o estudantado normalmente está aí». 

Tracking Pixel Contents