Anxel con X: «Os nenos queren que se lles fale de temas complexos e non desde un filtro ultrapaternalista»
O psicólogo e ilustrador Anxel Carramal (Pontevedra, 1994), coñecido como Anxel con X, presenta o seu cómic ‘O caderno de Rama’ ao alumnado de Faro da Escola, que aborda os conflitos bélicos cunha perspectiva concienciada coa infancia

Anxel con X, autor de 'O Caderno de Rama', editado por Xerais. / Cedida
O novo ciclo das charlas con autores do proxecto Faro da Escola xa botou a andar co comezo do ano para que o segundo trimestre estea ben cargado de literatura nos colexios da provincia de Pontevedra.
Un dos participantes desta edición será Anxel Carramal (Pontevedra, 1994), máis coñecido como Anxel con X. Alumno da escola profesional O Garaxe Hermético, recibiu, entre outros recoñecementos, o premio ao mellor guión no Concurso de Cómics Cornellá 2021 ou o Primeiro Premio no Concurso de BD da Deputación de Pontevedra 2021.
O caderno de Rama (Xerais, 2023), dirixido a nenos e nenas a partir dos 11 anos, foi o seu cómic debut. Unha obra chea de posibles interpretacións e que aborda os conflitos bélicos dende unha perspectiva concienciada coa infancia. Hoxe falamos co seu autor para saber máis ao respecto.
Na vosa biografía figuran varios cargos. Debuxante, ilustrador, psicólogo e amante do xénero de terror a tempo completo. Con cal se identifica máis?
Con amante do terror! Quizais é o cargo máis antigo que teño (risas). Cando era pequeno e aínda non era adecuado ver ese tipo de películas a min xa me fascinaban. Por iso agora, cando escribo ou debuxo mesmo para un público infantil, gústame introducir certos elementos relacionados.
O caderno de Rama é o voso primeiro libro publicado. Tiña claro que quería escribir para un público cativo e xuvenil?
A verdade que non… De feito, cando entrei na Escola O Garaxe Hermético sempre tiven en mente escribir para un público máis adulto e coa temática de terror que me encanta. Por suposto hai literatura infantil dese xénero, coma os míticos libros de ‘Pesadillas’ ou algunhas obras de Agustín Fernández Paz, un autor que me encantaba moitísimo. Porén, parecíame moi complicado atopar o ton para que o resultado non resultara traumático para os nenos. Foi cando propuxeron o concurso de Xerais na escola cando decidín que faría unha historia e despois pensaría como adaptala á cativada.
Foi difícil dar co estilo e a linguaxe axeitada? Ademais, para falar neste caso de algo tan complexo como a guerra, o tema central do cómic…
A clave douma o meu mestre de Guión, Fernando Llort, que dixo un día en clase: «Escribir para nenos non é escribir para tontos». Non nun sentido pexorativo, pero si é verdade que parecía que tiñas que andar pisando ovos ao escribir cando é todo o contrario. Tal e como comprobei nas presentacións do libro, os nenos e nenas precisamente o que queren é que se lles fale deses temas complexos, sempre da forma axeitada, claro, pero non desde ese filtro ultra paternalista e sobreprotector.
Literatura e diversión en Faro da Escola
O ciclo de charlas con escritores e ilustradores de Faro da Escola volverá facer das súas nas aulas viguesas. Os participantes que nesta edición visitarán os centros son: Alba Míguez e Damián Gómez, con Os vagalumes de Marí; Irene Alonso, da man de Refugallo o espantallo; José Malvárez, autor de Incoloro; Azucena Arias e Debaixo dun parasol; Bea Gregores, tras As mulleres que cultivaban néboas; Xavier Estévez, con A memoria dos pingüíns; Rafael Fernández, da man de As pedras verdes; e o propio Anxel con X, tras O caderno de rama.
E por que decidiu escribir unha historia sobre a guerra?
Sempre foi un tema que rondou a miña cabeza, pero dende un punto de vista que, ao meu parecer, non se trataba tanto: o das consecuencias relativas á infancia. A infancia queda reducida a unha cifra de vítimas mortais, pero as implicacións son máis que iso. Arrasar unha cidade implica arrasar con escolas e barrios enteiros, as primeiras esferas nas que se moven os nenos.
Eu non quería romantizar a guerra e rematar a historia cunha ensinanza sobre o poder do amor e que ‘podes ser feliz pase o pase, ata se morren todos os teus amigos e tes que emigrar como refuxiado’. Ademais, nos informativos sempre parece que as guerras son lonxe da casa. Por iso, para reforzar a empatía cos personaxes, decidín ambientala nunha zona europea, sen especificar onde. Non foi ata catro meses despois de comezar a escribir o guión cando estalou a guerra en Ucraína.
«Unha das ensinanzas do cómic é a de ser conscientes de que estes conflitos existen e poden estar preto»
Cales son as principais ensinanzas que se desprenden entón do cómic?
A miña intención era que tivese máis dunha soa lectura, quedarse co literal pero tamén escarvar un pouco máis aló. Pero como ensinanza xeral, por un lado, destacaría a de ser conscientes de que estes conflitos existen e poden estar preto. Tamén a importancia da infancia e a capacidade dos nenos e nenas, en parte grazas á súa imaxinación, de procesar e superar situacións traumáticas. E por suposto, o poder da arte como vía de escape e apoio para os máis pequenos.
Que comentarios se repetiron máis entre os lectores?
Sorprendeume ver que a visión da rapazada estaba máis preto da miña que a de moitos adultos. Ademais, gústame como gozan das personaxes. Por exemplo, encántalles Azul, e iso que é a máis antipática.
No mes de marzo volta a presentar o libro en colexios da man de Faro da Escola. Ten ganas?
A verdade, moitísimas. Quero seguir preguntando aos nenos que pensan de ‘O caderno de Rama’, coñecer as súas interpretacións…
E que lle depara o futuro como autor de banda deseñada?
Foi incrible poder publicar a miña primeira obra, era un dos meus sonos da infancia, por moi tópico que soe e a pesar de que xamais imaxinara que escribiría para nenos. Publicar é o máis difícil para calquera autor e che permite presentarte ao mundo, ábrete portas. Agora estou cun novo proxecto entre mans que sairá, en principio, este ano e que vai na liña coa que entrei no Garaxe Hermético: será un cómic para adultos, unha comedia negra con toques de terror e gore!
- Obligan a las dueñas de un piso de Vigo a retirar el jardín con un arce de su terraza por agrietar el edificio
- «Ya no soy capaz ni de correr 100 metros»
- La Policía Nacional desenfunda la táser en Redondela ante la actitud sospechosa de un hombre delante de un supermercado
- ¿Tienes el código '01' en tu permiso de conducir? La Guardia ya para y multa a los conductores que no lo cumplen
- Una de las principales orquestas de Galicia busca trabajadores: la oferta de empleo para «incorporación inmediata»
- Portugal frena todos los tramos del AVE a Lisboa por irregularidades
- Pinchazo del primer pleito de la nueva ley: inadmitido por faltar la mediación
- El cocinero gallego con estrella Michelin que ahora toca y canta en la calle Príncipe de Vigo