Opinión
Erea Rey Presas
A sanidade pública salvou a meu pai
Nacín nunha xeración en que cando te atopabas mal ías ao médico e unha persoa estaba alí nun centro de saúde á túa disposición para calquera urxencia. Iso era o que vía unha nena que creceu con servizos públicos. En ningún momento dos anos que ían pasando se cuestionou que iso algún día non fose así. Como podería ser que unha persoa non tivese unha atención de calidade, ou que non puidese acceder á atención sanitaria? Estas dúbidas eran inconcibibles, quizais polo privilexio de nacer cun sistema que conta cunha sanidade pública e unha educación pública universais. Dar os dereitos por sentado.
A medida que van pasando os anos, medra a nena e ve medrar as inxustizas. A persoa que estaba alí no centro de saúde, agora pode que estea ou pode que non. Quizais unha madrugada de febre pode converterse en varias horas de espera nunha sala con luz branca porque coincide con outra persoa que tamén se sinte mal nese mesmo momento e non hai quen atenda dúas persoas á vez. Casualidades da vida.
Neste percorrido xa non se fixa na atención a si mesma, a nena xa non tan nena, ten que ollar como as persoas do seu redor xa non son o que eran. Percibe claramente a necesidade de máis atención sanitaria. É aí onde os problemas agora si son problemas: as listas de espera que se alongan no tempo, probas que non chegan ou mesmo corredores ateigados de persoas que como ela esperan unha atención digna e eficaz.
Pero cando a vida aprema e dá un golpe deses que non se esperan e que pillan por sorpresa, desexarías que todo funcionase. Que unha chamada por un paro cardíaco só sexa a demostración de que temos centros de saúde de proximidade para poder acudir rápido, que conten con médicos que poidan atender a emerxencia, que teñamos a disposición unha ambulancia para que poida acudirnos ou trasladarnos, ou mesmo un helicóptero de emerxencias. Pero ás veces só queda rezar para que os astros se aliñen.
No meu caso, os astros si xogaron ao meu favor, e gústame pensar que aquela nena que ollaba a sanidade como algo intrínseco da nosa sociedade, se sentiu orgullosa de que cando quixo que toda a sanidade funcionase correctamente, funcionou. Pero tamén é consciente de que funcionou grazas ao equipo sanitario que estaba esperando no centro de saúde máis próximo para recibir a emerxencia, funcionou grazas ao equipo sanitario das ambulancias que estaban dispoñibles e funcionou grazas á contar cun helicóptero de emerxencias. Pode que por casualidades da vida, ou dos astros neste caso, o pai desa nena xa non tan nena recibiu a atención que precisaba e pode contalo. Mais as preguntas continúan aí: E se non houbese un centro de saúde porque alguén decidiu que había que pechalo porque non era rendible? Que pasaría se non houbese persoal nese momento porque non hai quen cubra as baixas ou as vacacións? Ou mesmo que dúas emerxencias coincidisen no tempo cun só médico? Que pasaría se as ambulancias estivesen noutra emerxencia? Ou se non houbese un helicóptero de emerxencias por incompetencia da administración? Este non foi o caso do pai desa nena, pero si que é o de moitas persoas.
Por iso, sempre defenderei unha sanidade pública e de calidade. E para iso é preciso un maior investimento, comezando pola atención primaria, polos seus cadros profesionais e investindo en boas infraestruturas onde poidan desenvolver o seu traballo, cun servizo de atención ao paciente de calidade e un servizo de emerxencias onde a vida de ninguén estea en risco.
Ás veces a vida tómate por sorpresa e neses intres ves como ter unha boa sanidade pública marca a diferenza entre estar ou non estar.
- Alberto Carral, oncólogo gallego: «Hay un aumento de cáncer de colon en personas más jóvenes por los hábitos de vida»
- Xurxo Mariño, neurocientífico: 'No podemos curar el alzhéimer ni el párkinson porque no conocemos con detalle su génesis
- Tensión a bordo de un vuelo de Iberia parado más de tres horas en la pista del aeropuerto de Santiago
- El pediatra Carlos González, molesto con la obsesión de muchos padres: «Qué más da...»
- Esta es la ciudad española que «no merece la pena» según los turistas
- Ryanair estrena una ruta a Marruecos con una ocupación del 9% después de cerrar doce en España por las tasas de Aena
- Dr. Víctor Bravo, endocrino: 'Comer menos y andar más no es la mejor solución para perder peso
- Rescatada la conductora de un bus que quedó colgando sobre el Lagares