Opinión
Ariadna Fernández
Que comen as vacas ?
O prado de Suachousa é dos máis bonitos que nós temos. Ten unha arribada no medio porque antes estaba partido en tres e pásase para o lado de baixo a carón dun avineiro que che acariña diario a cabeza coas follas. Fai unha bagoada pola que pasa un rego que anega todo cando chove e nel poden beber as vacas sen levarlles a auga da casa. Se non llela levas saltan o cordel e vólvense.
Antes sempre ían acompañadas e había alguén no carril coutando. Meu avó levaba un saco de papel do penso e sentaba alí na portería e non deixaba que marcharan ata que estivesen cheas ou ata que se aburrise de esperalas e lle acordase o xantar. Controlaba polo reloxo e á unha e media chamaba por elas, sacaba o cordel e arrancaba diante… «Toma, toma, toma…».
As fins de semana, ao non haber escola, ía con el. Andaba aos caraveis por alí adiante, collía poliñas das novas que se dobran ben e facíame unha coroa con elas e tamén tornaba algunha vaca que andaba a cotar nos torreóns ou que cheiraba nas beiras co gallo de escapar para o sitio dos máis.
Un día en Suachousa metín o pé no rego e rosmoume un pouco por estribillanta. Non tiña nada que irme mollar e facía frío, aínda que raiara o sol. As vacas se chovía moito non se botaban, agora xa non se respecta esa lei, pero antes era mandamento. Esbagoei un pouco porque quería ir para a casa secar o pé, pero non había media hora que chegaramos e elas se non pacen ben non se queren volver, entón tocaba agardar. Mandoume sacar o zapato e o calcetín e pendurouno nunha póla na esquina do prado no lado que non daba sombra en toda a mañá.
Estivemos contando contos e meu avó adormeceu un pouco. O caso foi que cando acordamos de volver, á unha e media en punto, o calcetín non estaba. Non estaba, cansámonos de buscar e non estaba. Andaban as vacas cheirando por alí e non o atopamos e como xa empezaramos a chamar nelas amoreáronse na saída e tivemos que deixalas pasar porque nos esmagaban.
O peor é que botamos unha chea de días pensando os dous en segredo que a que o comera ía trancar, pero ao final no estómago das vacas tríllase case calquera cousa.
- La Guardia Civil extrema ya la vigilancia en la tapa de la gasolina del coche: podrán sancionarte con 200 euros
- La Guardia Civil ya multa: vigila miles de maleteros de coches para comprobar que lleves este artilugio siempre
- El declive de un mercadillo ambulante con apenas 60 licencias: «Cada día es más flojo»
- No es Cudillero, pero casi: el pueblo marinero más bonito de España está en Galicia y no, no es Combarro
- Los 5 gastos que nadie sabe que se puede desgravar en la Renta 2025
- El militar que pasea a sus seis perros en tabla de paddle surf por Vigo
- La cala secreta a media hora de Vigo que querrás descubrir este verano: de arena blanca y aguas turquesas
- ¿Tienes el código '01' en tu permiso de conducir? La Guardia ya para y multa a los conductores que no lo cumplen