Os camiños da vida

Contribución ao Plan de Desenrolo Económico

Próximo xa á viaxe que o levaría á Venezuela do seu penar e da súa gloria, Celso Emilio produciu un dos grandes cantos da sátira socio-política galega. Apareceu publicado na revista “Vieiros” (1965) que, en México, dirixían Lois Soto, Carlos Velo e Xosé Caridad Mateos. Daquela, o réxime franquista estaba a pór en funcionamento, con grande aparato propagandístico, o chamado “Plan de Desarrollo Económico y Social”: rexionalizante e selectivamente proteccionista dentro do círculo infernal do capitalismo monopolista de Estado. Este Plan (1964-1976) foi imposto contemporaneamente ao proceso de eclosión da UPG clandestina que reaccionou contra tales políticas dilatorias da ruptura democrática que esixían os pobos ibéricos para saíren do horror. Celso Emilio, pois, escribiu a súa diatriba contra as falacias que propalaba o goberno con todos os medios ao seu dispor. Por riba pairaba a sombra ameazante dunha “anexión” de Ourense a Zamora dentro do sistema arbitrario dos “Polos de Desarrollo”.

Celso, automático e xenial, desatou a enxurrada do poema “Contribución ao Plan de Desenrolo Económico. Índices estadísticos” que moitos galegos leron no exilio e no interior onde, en verbas de Castelao, os demócratas contaban os seus días por noites. A lectura destes versos acendeu ánimos e axitou conciencias. A burla da “Contribución ao Plan de Desenrolo” apuntaba ao centro da ideoloxía capitalista que, naquel tempo, era calificada criticamente como “desarrollista”. Empreñado do mellor sarcasmo, o discurso fluía ás enxurradas nun verso ceibe que, por non resultar “cantabile”, non penso que fose musicado no repertorio de Celso Emilio.

Unha estampa orixinal do Arturo Souto máis surrealista completaba, co poema do Celanovés, dúas belas páxinas de “Vieiros” que non parecen envellecer. A insistencia anafórica combina ideas e constantes que debuxan, nun mesmo trazo censorio, o modo de produción capitalista e a miseria moral do réxime opresivo. “Cinco mil toneladas / de camándulas pillos / de morcegos ilustres / e de pegas piedosas.../ Quinientos kilómetros cuadrados / de túneles na noite interminábel...”.

Foi entón cando Valentín Paz-Andrade axitou en Vigo a proposta de crear, na cidade que el consideraba a “Barcelona de Galicia”, un dos bancos de “desarrollo” que estaba previsto polo plan que Celso esborrallara en verso. Podería converterse na futura entidade financeira que servise de base ao País industrial, agrario e pescador que soñara Castelao en Sempre en Galiza. Paz-Andrade porfiou, pero a burguesía viguesa non foi capaz de dar un paso avante e o xermolo dunha banca pública galega non tivo lugar. Nin daquela nin nunca.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents