«O único que fai o intervencionismo é retirar vivendas do alugueiro»

Asegura que a Xunta está facendo os deberes para poñer máis vivendas no mercado. Ao Estado pídelle que deixe as actitudes «ditatoriais» e actúe para darlle seguridade xurídica aos donos de inmobles baleiros sen alugar por medo á ‘inquiokupación’.

María Martínez Allegue. |  Antonio Hernández

María Martínez Allegue. | Antonio Hernández

Susana López Carbia

Santiago

Tócalle lidar coa preocupación cidadán de falta de vivenda. Vai a Xunta rematar a lexislatura con esas 4.000 novas vivendas de promoción pública que anunciou?

Temos un cronograma onde verificamos que no 2028 serán esas 4.000 vivendas as que teremos construídas. Temos actuacións en marcha en Vigo, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Ferrol... Os principios sempre son máis lentos, pero temos unha planificación, toda orzamentada, que imos cumprir.

Estanse licitando esas vivendas segundo as previsións?

Segundo a estatística de licitacións da Federación Galega da Construción, a licitación de vivenda de promoción pública incrementouse no primeiro trimestre do ano nun 135% respecto do mesmo periodo de 2024.

Nos últimos quince anos non se promoveu apenas vivenda protexida. Foi un erro non apostar por ela?

Xamais deixamos de facer vivenda de promoción pública e de axudar os promotores a construíla, aínda que non a este ritmo. Pero os concellos tamén teñen competencias. Non obstante, somos conscientes de que a vivenda é a principal preocupación cidadán.

Pero de quen é a responsabilidade de que se deixara de facer?

O certo é que os plans estatais de vivenda levan anos sen incluir axudas a promotores para vivenda protexida ou esa subsidiación de préstamos que existía anteriormente. Nós estamos contactando case diariamente cos promotores e as cooperativas para animalos a que constrúan vivenda protexida.

Ve posible entenderse mellor coa Administración central?

A posición do Estado é excesivamente intervencionista e ditatorial sobre o que podemos facer ou non as autonomías con eses fondos que eles manexan e nós executamos.

Un dos puntos de desencontro ten que ver coa declaración de zonas tensionadas para limitar os prezos do alugueiro...

A día de hoxe, un ano despois da declaración de zonas tensionadas en Cataluña, hai un 20% menos de vivendas no mercado de alugueiro e os prezos non baixaron. Temos recurrida esa lei estatal de vivenda porque cremos que é excesivamente intervencionista.

A Coruña xa solicitou a declaración de zona tensionada e Santiago ten previsto facelo. Tramitará axilmente a Xunta as peticións?

O prazo legal é de seis meses, pero axilizarémolo o máximo posible. A Coruña e Santiago equivócanse. A día de hoxe o intervencionismo e a prohibición o único que fan é retirar vivendas do mercado do alugueiro.

En canto ao sector, hai promotoras suficientes en Galicia para construír tanta vivenda?

Galicia ten un sector da construción moi importante, validado e envexado. Hai empresas suficientes. O que nos trasladan é que, ante a cantidade de obra pública que estamos a licitar hai dificultades para atopar man de obra, que son subsanables. Non faltan empresas, senón man de obra.

Ademais de necesitar man de obra, que piden os promotores?

Que axilicemos o desenvolvemento de solo. A través dos Proxectos de Interese Autonómico imos habilitar solo, que é algo que xamais se fixo directamente dende a Xunta, en contacto cos concellos. Outro avance ten que ver cos esqueletos que quedaron sen rematar. Excepcionalmente poden concluirse se o 50% son vivendas protexidas. Sabemos que moitos promotores se están interesando.

Non se perciben avances é en que as vivendas baleiras cheguen ao mercado do alugueiro...

Temos un programa de mobilización de vivendas baleiras. Cubrimos o seguro por impago de rendas e o seguro de danos, e damos axudas de ata 8.000 euros para a rehabilitación desas vivendas. Pero o que nos trasladan os propietarios é que non se senten seguros á hora de poñelas no mercado. Hai que darlles seguridade xurídica.

Pero é a ‘inquiokupación’ un problema real en Galicia?

É un problema real. Sabemos que existe por todo o que nos din os cidadáns.

E as vivendas turísticas? Preocúpalles o trasvase constante do alugueiro tradicional ao turístico?

As vivendas turísticas non son un problema en Galicia. Hai as que os concellos permiten que haxa. Galicia foi pioneira en regulalas co decreto do 2017, onde xa se establecía a posibilidade de que as comunidades de propietarios determinasen o uso que querían darlle a eses pisos.

Tracking Pixel Contents