Castelao en Vigo (I)
Foi na «cidade das oliveiras» onde se consolidou non só como artista gráfico, senón tamén como maxistral orador, principal voceiro e abandeirado do galeguismo

Retratado por Jaime Pacheco para o xornal Galicia / FDV
José Ramón Cabanelas*
En 1908, sendo aínda estudante universitario en Compostela, pero xa con sona de grande debuxante caricaturista, Castelao consigue que o vigués Jaime Solá, director da prestixiosa revista Vida Gallega, que comezara a editarse en Vigo coa fin de manter unidos a todos os galegos no mundo, inclúa as súas ilustracións a toda cor nas portadas dos seus primeiros números, que sairán a rúa a partir de xaneiro de 1909. Con apenas 22 anos de idade, Daniel deixará constancia do seu talento innato nesta revista gráfica mensual con pinturas realistas da idiosincrasia do pobo galego: esta colaboración foi o seu primeiro traballo artístico serio para unha publicación periódica.
Vigo tamén terá o privilexio de acoller en 1911 a primeira conferencia pública que un Castelao mozo, con tan só 24 anos, impartirá sobre a arte da ilustración co título «Algo acerca de la caricatura». Da man de Joven Galicia –movemento universitario nado en Compostela do que Castelao formaba parte– achégase a Vigo ao aceptar o convite da coral La Oliva presidida polo arquitecto e galeguista vigués Manuel Gómez Román, que estaba a organizar na cidade a «Fiesta del Arte». Castelao chegará en tren á «cidade das oliveiras» procedente de Compostela o sábado 28 de xaneiro xunto a outros compañeiros coma o escritor Luis Villardefrancos, o poeta Ramón Fernández Mato e o escritor e ilustrador Eduardo Dieste, quen tamén falará en La Oliva sobre a filosofía e o humor. Ao día seguinte lévanse a cabo as esperadas conferencias facendo a presentación dos oradores o poeta Mato e, de seguido, Dieste primeiro e Castelao despois, disertan sobre as súas fontes de inspiración para crear as caricaturas, de vez que amosan ao público a súa técnica realizando debuxos improvisados a carbón. Para rematar a velada, Mato lé varios poemas, provocando que o numeroso público asistente aos salóns que a sociedade tiña na rúa Circo, lles tribute unha abraiante ovación: deste xeito foi como Castelao se estreou como orador.
A partir de 1912 e, en apenas catro anos, a vida de Castelao dará un xiro radical: abandona a súa profesión de médico, que viña exercendo en Rianxo, para pasar a vivir e gañarse a vida en Pontevedra traballando dende 1916 como funcionario do Estado. Emerxe daquela a súa verdadeira vocación de artista, pois combina este traballo no departamento de estatística nacional, co de profesor de debuxo no Instituto Público provincial, sentíndose deste xeito plenamente realizado.
No ano 1922, cando xa estaba centrado no seu traballo artístico en Pontevedra, volverá a deixar constancia en Vigo do seu extraordinario talento, neste caso por mor do nacemento do xornal vigués Galicia. Requirido polo seu amigo, o director do novo rotativo e tamén galeguista Valentín Paz-Andrade, encárgase de deseñar as letras da cabeceira da publicación, que serán todo un éxito pola súa orixinalidade. Asemade, tamén colabora nas súas páxinas con viñetas humorísticas diarias, e mais con artigos de maior fondura no suplemento dominical «Domingos Literarios», no que escriben tamén boa parte dos intelectuais galegos da época, e no que Castelao publica os seus mellores traballos narrativos co título «Contos» ou «Cousas da vida».

1909. Portada de Castelao para a revista viguesa «Vida Gallega», que uniría a os galegos de todo o mundo. / Arquivo J.R. Cabanelas
Naquela altura, Vigo era a cidade galega na que Castelao gozaba dunha maior popularidade, e foi nela onde se consolidou como artista, pois unha vez que desaparece Galicia en 1926, cando xa tiña corenta anos de idade e unha grande sona como debuxante, Daniel continúa a súa colaboración con El Pueblo Gallego, xornal xurdido cunha clara vocación rexionalista. Nesta colaboración no rotativo vigués –principalmente cos debuxos dominicais– Castelao reflicte as contradicións da vida a traveso das súas «Cousas», que darán lugar máis adiante ao libro Cousas. Segundo volume, publicado en 1930, no que recompila o seu traballo neste xornal.
Tamén ese mesmo 1926 inicia súa colaboración con FARO DE VIGO, no que, diariamente, co título «Cousas da vida», publica durante seis anos as súas viñetas de galegos e campesiños con prosa humorística. Sería este un gran reclamo para os lectores que, o primeiro que facían nada máis mercar o diario, era buscar a arte e a retranca narrativa de Castelao na viñeta ubicada sempre na primeira páxina do decano, para comezar o día cun sorriso.
A partir de 1927 Castelao visitará con asiduidade a Vigo, pois agudízase un grave problema de visión que xa arrastraba desde os 28 anos. O prestixioso oftalmólogo vigués Ramón González Sierra aplícalle un novo tratamento prescrito en Francia para a súa enfermidade de desprendemento de retina. O baixón que Castelao sofre na súa vida nestes intres verase agravado en 1928 pola inesperada morte do seu único fillo Alfonso aos catorce anos de idade a causa dunha neumonía, mergullando ao artista nunha depresión e crise existencial.
A vida política de Castelao, que moitos o adoutrinan como estandarte do nacionalismo galego, despega cando ingresa en 1912 no movemento Acción Gallega, para espertar a conciencia de clase do campesiñado galego e tomar postura en contra do caciquismo. Comeza entón a manifestar a súa ideoloxía republicana de esquerda que se fortalecerá no ambiente liberal que respirará durante os 20 anos que viviu en Pontevedra.
Pero é en Vigo onde verdadeiramente Castelao conságrase como abandeirado do galeguismo nacionalista, ao participar en 1930 no teatro García Barbón no Día Nacional de Galicia. A cambiante situación política en España, coas derradeiras boqueadas da ditadura militar de Miguel Primo de Rivera iniciada en 1923, fan que 1930 sexa un ano crucial para a democracia. Neste gran mitin galego do 25 de xullo celebrado en Vigo –o primeiro en España en defensa da democracia– Castelao deixaría constancia do maxistral orador no que se convertira.

1930. Almorzo no parque da Barxa en Vigo depois do mitin do Día de Galicia. Castelao, Otero Pedrayo, Paz Andrade y Ramón Cabanillas sentados en primera fila. / Arquivo Paz Andrade
Xuntáronse ese día no coliseo vigués os líderes políticos máis sobresaíntes do sur de Galicia, entre os que se atopaban Valentín Paz-Andrade, que dirixía o Grupo Autonomista Galego vigués e era o promotor deste encontro; Ramón Otero Pedrayo, líder da Irmandade Galeguista de Ourense; e o propio Castelao xunto con Ramón Cabanillas á fronte do Partido Galeguista de Pontevedra. Por este motivo, volveron a lucir de novo as bandeiras galegas nos balcóns dos edificios, amosando a cidade unha imaxe fermosísima. A banda de música municipal e as orquestras de todos os cafés, como o Colón, Derby Bar, Suizo ou Novo Café interpretaron a mellor música galega como facía tempo que non se escoitaba. A convocatoria política atestou de xente o teatro García Barbón, cunha multitude ansiosa de escoitar aos voceiros do galeguismo. Ás once da mañá comezou o mitin, ocupando a presidencia un Ramón Cabanillas aínda na súa plenitude de alentos. O primeiro en falar foi Otero Pedrayo, cun discurso que versaba sobre a significación espiritual do Día de Galicia. De seguido, Castelao tomou a palabra para falar sobre o galeguismo na arte. Rematou o mitin Paz-Andrade ao tocar o tema da definición autonomista, provocando que o auditorio estalase nunha atronadora e longa ovación e, posto en pé, procedese a cantar o Himno de Galicia.
Rematou aquela festa da galeguidade cun xantar no parque da Barxa, situado ao final da rúa García Barbón, ao que acudiron uns trescentos convidados que ocuparon longas mesas en filas paralelas rematadas nunha cabeceira reservada para Castelao, Paz-Andrade, Otero Pedrayo, Cabanillas, Gómez Román, Bóveda, Peinador, García Martí e Fernández Mato, entre outros.
Os anos seguintes nos que se celebrou o Día de Galicia en Vigo, Castelao non faltou a súa cita do García Barbón cos líderes galeguistas. Anos despois, no seu exilio en Bos Aires lembraría estes encontros con moita morriña.
Encontros no Derby
Un punto de encontro no que Castelao quedaba coas súas amizades sempre que viña a Vigo era o Derby Bar, café frecuentado por intelectuais e situado na praza de Urzáiz, fronte á Farola. O 13 de abril de 1931, xusto antes de que unha manifestación popular proclamase a República na Porta do Sol, ficaba neste café con Paz-Andrade e representantes do resto de forzas republicanas locais para celebrar o cambio político que se aveciñaba, e ir avanzando cara a o novo sistema democrático. Ao saír do café, el e máis Valentín pasearon pola rúa do Príncipe ata chegar á redacción de El Pueblo Gallego, que estaba dando as noticias do triunfo das candidaturas republicanas nos comicios municipais, co que se aventuraba a caída da monarquía. De volta para tomar o tren que o levaría a Pontevedra atopáronse cun fervedoiro de xente entusiasmada que, baixando pola rúa Urzaiz, cantaba e celebraba a proclamación da Segunda República Española poñendo deste xeito fin aos oito anos da ditadura de Primo de Rivera.
En 1931, recén cumpridos os 45 anos, Castelao é elixido deputado pola provincia de Pontevedra na candidatura da Federación Republicana Gallega após a celebración das tan desexadas eleccións xerais. Antes, traballara arreo dando mitins xunto a Paz-Andrade nas maiores cidades e pobos da provincia: Tui, Bueu, Vilagarcía, Pontevedra... O peche da campaña fíxose en Vigo o sábado 27 de xuño o día antes dos comicios, tendo como escenario a praza da Constitución nun edificio a carón da Casa Consistorial; de tribuna utilizouse un balcón recuberto coa bandeira galega.
Porén, Castelao, que era o orador máis agardado polos vigueses, non puido concorrer debido a unha enfermidade, polo que foron Paz-Andrade e Alexandre Bóveda os que pediron o voto a unha audiencia multitudinaria que enchía toda a praza e non os defraudaría nas urnas. Ao día seguinte, o das eleccións xerais, FARO DE VIGO publicaba no centro da derradeira páxina unha autocaricatura de Castelao que, con aire de resignación e simpatía dicía: «Que ganas teño de retirarme da política!». Asemade, na primeira páxina e baixo o título «Castelao candidato» FARO recomendaba aos lectores que votasen ao daquela seu colaborador.

Autocaricatura publicada en FARO DE VIGO o 28 de xuño de 1931. / Arquivo FDV
En novembro do ano 1932 Valentín Paz-Andrade, o grande amigo vigués de Castelao, sufría un atentado anarquista nunha rúa de Vigo. Daniel, que se atopaba en Compostela impartindo unha conferencia, o primeiro que fixo nada máis rematar o acto e coñecer da noticia, foi coller un tren a Vigo e visitar ao seu amigo, ingresado nun sanatorio onde acababan de operalo de urxencia para extraerlle as balas.
Coa Guerra Civil petando as portas, ao deputado da Fronte Popular Alfonso Daniel Rodríguez Castelao non lle quedou mais remedio que exiliarse para salvar a vida. De maneira que, en 1939, xa coa guerra rematada, embarca rumbo a Nova York primeiro e Arxentina despois, e dende alí continuará co seu labor político, artístico e literario...até a súa morte.
Membro do Instituto de Estudios Vigueses
Fontes consultadas
- Hemeroteca de FARO DE VIGO
- Arquivo Pacheco
- Exemplares de revista «Vida Gallega» do arquivo de José Ramón Cabanelas
- «Castelao. Construtor da Nación», de Miguel Anxo Seixas (Ed. Galaxia)
- «Alfonso R. Castelao. A forxa dun mito», de Henrique Monteagudo (Ed. Galaxia)
Suscríbete para seguir leyendo
- El jesuita gallego que escucha a los presos en Tailandia
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- El legado de Eduardo Barreiros
- En Vigo entendí la importancia que para un trabajador supone tener conciencia de clase
- Los camarones de la Ría de Vigo al descubierto
- “Cuando gané el oro en Atenas sentí que rompía una maldición”
- “La crónica de cómo llegaron a Galicia los restos del Santiago no tiene ningún fundamento”
- La heroína de la justicia social