O fito galego na Antártida con nome de muller

A científica galega Alba Fernández vén de protagonizar un dos fitos mundiais do ano: a expedición á Antártida co maior número de mulleres e persoas non binarias. Logrouno grazas ao mecenado. Velaquí unha historia de superación de mulleres na ciencia e da necesidade dun planeta máis sostible.

Alba Fernández Sanlés, na Antártida, semanas atrás, coa maior expedición de mulleres no continente da historia. |  Alba Fernández

Alba Fernández Sanlés, na Antártida, semanas atrás, coa maior expedición de mulleres no continente da historia. | Alba Fernández

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Na Antártida, eríxese un posto postal no lugar de Port Lockroy. Coñéceno como a Oficina do Pingüino. A noite antes de visitar ese punto, a científica galega Alba Fernández Sanlés e varias compañeiras españolas pasaron horas a escribir postais para franquealas dende alí. Moitas delas tiveron como destino Galicia. «Foi o meu premio de agradecemento a aqueles que contribuíron ao meu crowdfunding (mecenado)», explica a investigadora que realizou unha campaña de recollida de apoios para poder participar no proxecto de Homeward Bound, a maior expedición de mulleres e persoas non binarias que visitou o devandito continente.

Desde alí, participa nun estudo no que procuran identificar os factores «que –explica– incrementan o risco de hospitalización en persoas afectadas por demencia»- co gallo de mellorar a súa atención sanitaria.

Alba Fernández, cun cartel de agradecemento á empresa Animosa por colaborar no envío de apoios.

Alba Fernández, cun cartel de agradecemento á empresa Animosa por colaborar no envío de apoios. / A.F.

O seu soño de ir á Antártida deu os seus primeiros latexos de cativa «inspirada –lembra– por historias infantís como ‘Ameaza na Antártida’ (Ramón Caride) ou ‘A expedición ao Pacífico’ (Marilar Aleixandre)».

Formar parte da expedición da Homeward Bound (HB8) foi unha mestura de traballo, traballo e máis traballo. Primeiro, presentou a súa candidatura para formar parte da comitiva. «Aínda así, despois de moita reflexión e conversas con persoas cercanas, aceptei o reto», sinala. Porén isto non significou unha pasaxe gratuíta.

Ao ser Homeward Bound unha iniciativa sen ánimo de lucro,as participantes tiveron que financiar a súa participación. Para lograr os cartos, a científica galega tivo que tirar polo seu lado creativo e tecer unha rede para captar fondos de persoas e entidades.

Unha galega entre máis de 100 participantes de todo o mundo

A viaxe comezou en febreiro conformada por 105 participantes de ducias de nacionalidades pero ao redor das profesións STEMM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, medicina ou matemáticas). Alba Fernández –nada en Ribeira pero que creceu en Porto do Son e estudou na Universidade de Santiago de Compostela– investiga no eido das Ciencias da Saúde Poboacional ou Epidemioloxía. Tras mudarse a Reino Unido no 2020 e traballar na Universidade de Bristol, agora desenvolve a súa actividade como investigadora postdoutoral na University College London (UCL).

Pingüinos captados por Fernández. |  A.F.

Pingüinos captados por Fernández. | A.F.

Facer visible Galicia nunha rede internacional

Para Alba Fernández, a campaña de mecenado supuxo unha caricia para o seu corazón: «Sinto que esas persoas fan parte desta andaina comigo. Ver ese respaldo é emocionante e dáme aínda máis forza para continuar. Eu atrevinme a ser visible, fago visible a Galicia nesta rede internacional».

Ademais, durante o pasado ano, como apoio, comezou unha formación en liderado que realizaba no seu tempo libre antes de decidir se iría na expedición. Tras superar todos os obstáculos e formarse, puxo rumbo á Antártida.

Chegar a ela foi unha mestura de «admiración, curiosidade e respecto por aquel lugar tan inmenso e prístino. Ver terra por primeira vez tras cruzar o Pasaxe de Drake ou Mar de Hoces, que separa Arxentina da Península antártica, foi moi emocionante. Ao visitar diferentes localizacións (xa que non acampaban), cada novo escenario era un descubrimento, dende avenidas de icebergs, zonas dominadas por glaciares, ata áreas case sen neve», lembra.

A tripulación ao completo. |  A.F.

A tripulación ao completo. | A.F.

Impactoulle tamén «o silencio, o frío seco dese clima árido; a magnitude da paisaxe; as cores de azul, branco e gris con tantos matices. Foi marabilloso ver que os animais antárticos son os que mandan alí» sinala para destacar cando outearon unha balea xorobada dende o barco. «Aí estaba ela, movéndose de babor a estribor e volta, curisoa e con ganas de interactuar con nós. As persoas que xa visitaran a Antártida nunca viran tal», enfatiza.

Detalles dunha viaxe e da paisaxe

Á investigadora galega tamén descubriu que tanto a península xeada como «as illas de arredor son volcánicas, como a continuación da cordilleira dos Andes. Estar alí foi un recordatorio de canto temos aínda por coñecer e da vulnerabilidade que presentan os territorios nos que os humanos temos escasa presenza e que son críticos para todo o planeta. O que pasa na Antártida non se queda alí».

O protocolo de visitas era rexo: non podían achegarse aos animais a máis de 5 metros nin deixar nada no chan nin un segundo. «Ao voltar ao barco, tamén seguiamos un procedemento de desinfección para asegurarnos de non traer nada da Antártida con nós», lembra.

Alba Fernández, na Antártida.

Alba Fernández, na Antártida. / A.F.

As filloas da súa nai

Como compromiso co medio ambiente e para deixar a mínima pegada alí optou por seguir unha dieta vegana durante a expedición e reducir os residuos o máximo posible. «Eu non como animais dende hai moitos anos e case non inxiro produtos animais a diario pero dende decembro fun máis estricta. Só a rompín con algún alfajor en Bos Aires ao volver a Europa, cunha tortilla na escala en Madrid e coas filloas da miña nai recentemente», confesa.

No Polo Sur, participaron en simposios, analizaron a viabilidade de proxectos e comezaron outros sempre co fin de desenvolver o liderado para divulgar e sensibilizar sobre a necesidade de coidar o planeta. Por iso, unha das conclusión da experiencia é espallar a mensaxe para que a xente «que non se preocupa polo planeta comece a facelo». Tamén cre que a súa experiencia pode animar a raparigas e mozoulas a estudar carreiras STEMM. «O que sempre debemos manter é a curiosidade», defende.

Tracking Pixel Contents