Novo presidente da Real Academia Galega
Henrique Moteagudo: «Hai que conseguir implicación coa lingua e a cultura galegas tamén no plano económico»

Henrique Monteagudo, novo presidente da RAG, no concello da Coruña, este venres. / Casteleiro / R. A.
Marta Otero Mayán
O catedrático de Filoloxía Galega Henrique Monteagudo foi ratificado o venres polo pleno como novo presidente da Real Academia Galega. O décimo cuarto dirixente da institución tomou o relevo de Víctor Freixanes avalado por este último e con 23 votos a favor e dous en branco. A progresiva perda de falantes do idioma, a busca de novas vías para sensibilizar á mocidade coa lingua e a cultura do país, ou acadar unha maior financiación son os principais desafíos nesta nova etapa.
A súa foi a única candidatura, o que se cadra indica que non é doado animarse a presidir a Academia. Que lle fixo dar este paso adiante?
Eu xa levo doce anos na directiva e, tendo en conta que son a persoa máis nova na directiva, tiña unha certa lóxica que eu dese continuidade a ese traballo. A cousa non é tanto que non se animen, porque a min non me foi difícil recrutar xente para a miña executiva, como que unha maioría moi ampla do plenario entendeu que eu era a persoa idónea para facerme cargo da dirección. Alonso Montero e Freixanes animáronme moito, os compañeiros das dúas executivas tamén. Parecía case un desdén non dar ese paso.
Está pendente a reformulación dos Estatutos, se cadra seguindo o exemplo da Academia Vasca ou do Instituto de Estudos Cataláns para rexuvenecer o pleno. Cales son as liñas no horizonte?
Temos que constituír, en primeiro lugar, unha comisión de Estatutos dentro do pleno que estude as solucións que dan outras institucións para non perder a capacidade de renovarse, sen perder tampouco o capital que supón ter a xente de máis idade. A lonxevidade pode levar a un certo estancamento, porque o número é fixo. Si que hai fórmulas, contando con todo o mundo e sen deixar a ninguén fora, que permiten esta renovación. Existe a figura dos académicos supernumerarios ou eméritos, que continúan sendo académicos pero non contan no número de prazas. Terá que ser a comisión de Estatutos a que o estude, pero penso que é necesario dar pasos neste sentido. Tamén no de ampliar o número de académicos correspondentes, que é moi escaso, para construír redes de colaboración da Academia dentro do país, a nivel comarcal, local e tamén no ámbito internacional, nos centros de estudos galegos ou na diáspora. Isto pode dar moita vida á Academia.
O financiamento é un dos seus condicionantes. Manifestou que seguirá insistindo aos organismos públicos e avanzou a creación dunha Fundación pro Academia para canalizar esta intención. Tocarán ao sector privado?
Si. A idea é, efectivamente, pedir á Xunta e ao Goberno do Estado que incremente as dotacións orzamentarias, que son moi escasas e están practicamente estancadas, e tamén ás deputacións e concellos. As institucións públicas creo que poden aportar máis a nivel económico, pero tamén hai tempo que pensamos en facer un chamamento á sociedade galega: empresas, fundacións, entidades bancarias, institucións locais, particulares, e de ir con moita decisión cara isto. Hai que buscar unha vía de financiamento que recorra ao mecenado social, que foi historicamente moi importante para a Academia, que viviu moito tempo dos diñeiros que chegaban de América, da emigración. Hai que conseguir que haxa unha implicación coa lingua e a cultura galegas tamén no plano económico. Xa estamos empezando a facer contactos.
Que hai da Gramática Oficial?
Hai tempo que un equipo do Instituto da Lingua Galega está traballando nesta gramática moderna. É unha gramática normativa, pero que ten unha visión da normatividade moi distinta á tradicional, na que se catalogaban as frases, construcións ou palabras como correctas ou incorrectas. Nós imos ir a unha gramática moito máis empírica nos usos reais da lingua dos falantes, e que vai matizar moito máis o tipo de construción que se admite en determinados textos ou rexistros. Vai ser moito máis flexible e cunha idea moito menos xerárquica do que se facía habitualmente. Creo que en ano e medio estará publicada.
Existen iniciativas particulares que fornecen ferramentas para o galego das que non dispoñen as institucións. Penso nos dicionarios en liña da editora Rinoceronte, que van por diante dos da RAG.
O noso dicionario castelán-galego está en proceso de edición, e estase traballando xa para facer compatible nalgúns aspectos complementarios do dicionario xeral. O traballo lexicográfico de base xa está feito, e antes da fin do ano xa o teremos en liña.
A máxima prioridade da institución é o preocupante descenso de falantes do idioma. Fixo referencia a políticas «ineficaces» ou mesmo «lesivas» co galego. Que é o que lle está a facer dano á lingua?
Independentemente de todos os debates que poida haber sobre políticas lingüísticas postas en marcha nas últimas décadas, temos que xulgar os resultados. Sen entrar en xuízos de intencións, é evidente que moitas son ineficaces se pensamos que a súa finalidade é manter os falantes de galego ou recuperalos. Son séculos de discriminación, coa tremenda lousa do Franquismo, polo que é difícil conseguir medidas eficaces, pero temos que empezar por recoñecer onde están os erros e traballar en propostas novas, sobre todo, pensando na infancia e na mocidade. Temos que ir na liña de propoñer políticas, e da súa propia avaliación, para ir mellorando. O pacto pola lingua é un elemento básico. Isto non se pode desenvolver se non hai un marco básico que permita presentar estas iniciativas dun xeito atractivo á sociedade, que o que percibe arredor do galego é ruido, negativismo e laios. Necesitamos ese pacto que nos dea un marco de tranquilidade, e logo esas políticas sedutoras sobre todo coa xente nova, falando as súas linguaxes.
Que papel debe xogar a RAG neste pacto social? Debe quedar á marxe, ou exercer de mediador entre posturas políticas irreconciliables?
A Academia ten que ter moito coidado de non caer na tentación de xogar un papel de mediador ou de árbitro, porque xa sabemos como acaban moitas veces os árbitros dos partidos. Ese non é o noso papel. Nós non temos unha axencia na política partidaria; agora, a Academia pode achegar ideas que contribúan a disolver moitos dos desacordos que as veces son puro ruído, e que moitas veces teñen que ver con dinámicas de cara á galería que a cidadanía non entende. A Academia, nesta parte, non ten parte nin quere ter. Nas cuestión substantivas, a Academia pode ter ideas e propostas na medida na que os axentes políticos nolo pidan, pero se nolo piden todos. Non podemos xogar a unha parte. Se unha representación parlamentaria pide un ditame ou un documento, evidentemente imos facelo, pero non imos entrar nesa liorta, que é democrática, pero non nos corresponde.
Nos últimos anos, as aulas son o principal axente castelanizador da rapazada galegofalante. Como se ataca este problema?
A desgaleguización ten tanto que ver ou máis coa lingua de relación entre rapaces, o que chamamos lingua de pares, que non coa lingua do docente. Aí temos que reverter as dinámicas. Se o galego está presente de xeito marxinal na lingua do ensino, e, ademais, non está presente na lingua da relación, hai unha inmersión en castelán para o rapaz galegofalante, que ademais é na lingua dominante e asoballadora.
- «Está demostrado científicamente que tener un perro aumenta los niveles de oxitocina, la hormona de la felicidad»
- En una analítica, ¿qué significa tener los triglicéridos altos? ¿Qué hacer para bajarlos?
- Dos vigilantes de seguridad reaniman a un mujer que se desplomó inconsciente en Vialia Vigo: «Le salvaron la vida»
- El patrón de un pesquero de Bueu, herido grave en una mano tras estallarle una bengala
- Una «tablet» obliga a un avión a realizar un aterrizaje de emergencia en Oporto
- Mitos sobre animales: las golondrinas y los vencejos no pueden despegar desde el suelo, ¿verdadero o falso?
- Un millón de euros por una muerte en Vigo tras una cirugía que «jamás» debió realizarse
- Ya ni nos queda Portugal