O mundo teatral celebrou onte o Día do Teatro a poucas xornadas da súa gran festa coa entrega dos Premios María Casares o vindeiro 3 de abril. Mais alén dos sorrisos, da entrega e das boas intencións, en que situación se atopa o teatro galego hoxe en día? Falamos coas voceiras das dúas compañías con máis nominacións aos Casares desta edición: Fina Calleja, de Sarabela Teatro («O dragón de ouro», que o sábado recala en Cangas); e Esther Carrodeguas, de ButacaZero («Iribarne», que o 5 de abril se pode ver en O Grove). Esta última subliña que o teatro galego está a vivir unha reconversión nun momento «bastante complexo». Para esta autora e actriz, as compañías veteranas atópanse nun proceso de envellecemento que lles obriga a botar o peche ou a «cambiar de pel» para subsistir nunha metáfora camaleónica. Como resultado, «están entrando outras compañías. Teñen funcións pero non tantas como tiñan as compañías veteranas. Non teñen grandes xiras, o que xenera grande inestabilidade laboral. Aboca a actores a montar o seu propio proxecto cando non queren ser empresarios. Aconteceu sempre pero creo que agora é máis esaxerado pola perda das compañías que tiñan máis funcións», sinala Carrodeguas, dramaturga do texto «Iribarne» que recibiu 12 nominacións aos Casares. Lembra como a pandemia lle fixo cambiar o chip: «Eu vivía nunha economía da precariedade que implicaba tamén a precariedade das persoas ás que lles daba traballo. Houbo un clic. ‘Iribarne’ é un bo exemplo, xa que intentei xerar traballos de mellor calidade, con contratos máis extensos, con tempada fóra... Por exemplo, «Iribarne» estivo varios meses en Madrid; tamén logrei colaboracións co Centro Dramático Nacional». Esta autora galega sinala que xa non quere estar «no lado da balanza de facelo sempre o máis barato posible. Dalgunha maneira, precarizaba o sector como empresaria. Quero que sexamos traballadores dignos». Porén recoñece que cada proxecto supón unha loita constante como en todos os sectores. Pola súa parte, Fina Calleja, de Sarabela Teatro –compañía que ademais conducirá a gala dos Casares– opina que «o teatro galego sempre foi moi profesional. Non é algo de agora. É certo que estamos nun momento no que moitas compañías saen fóra de Galicia e tamén os profesionais. É fantástico. Como resulta economicamente? Iso xa é outro andar. Os circuitos tanto galego como estatal están cada vez máis minguados, con menos dotación. Hai un exercicio de fe por parte das compañías». Calleja engade que dende fóra «cada vez máis» ollan cara as compañías galegas «con máis interese. Xa non somos tan ‘periféricos’ grazas ao esforzo de varias compañías. Iso é beneficioso para todo o sector». Sarabela porá en escena «Ludovico 2.5» en Pamplona, Burgos e León en abril , mes no que tamén estará en Coímbra con «O dragón de ouro». ButacaZero, pola súa parte, leva «Iribarne» a Getafe mañá e en maio estará con esta obra en Mallorca ou Toledo. Con outras, visitará o País Vasco e Málaga. O 3 de abril se saberá que premios María Casares lograrán. «O dragón de ouro» de Sarabela conta con 14 nominacións; e «Iribarne» de ButacaZero leva 12. As seguintes compañías con máis nominacións anotan catro. Esther Carrodeguas explica que «Iribarne» –que repasa as aristas do que fora presidente da Xunta e ministro con Franco– pode parecer «un ataque único contra Fraga e non o é. Despois atacamos a todo o mundo; incluídas nós mesmas como público, como votantes, o pobo galego, o PSOE... Nunca foi a intención machacar a Fraga senón entender o pasado. Hai unha ampla interpretación da historia». A dramaturga sinala que «Fraga é un personaxe para contar a Transición e ver como hai cousas de atrás que permaneceron. Como pobo, validamos a ditadura na Transición. Vémolo a diarios nos telexornais con moitos políticos que non asumen o franquismo como algo demasiado malo». A montaxe –dirixida por Xavier Castiñeira e con texto de Carrodeguas– non é un percorrido biográfico pola vida de Fraga inda que conta episodios e anécdotas como a súa emigración a Cuba de bebé, a súa idea de facerse cura na altura da II República, o disparo ao traseiro da filla do Caudillo... Pola súa parte, «O dragón de ouro» de Sarabela –dirixida por Ánxeles Cuña e con texto de Roland Schimmelpfenning– nace de que «nós como equipo sempre estamos interesados nas voces da dramaturxia actual. Era un texto que nos adaban rondando dende hai tempo. Tivemos a enorme sorte de que o autor nos acompañase na estrea en Ourense. El díxonos que a idea do texto naceu dun convite dun amigo para falar da emigración ilegal nos tempos da Alemaña máis proteccionista», explica Fina Calleja, actriz na peza que se representará en Cangas o sábado. Resalta a intérprete que a obra «subverte os códigos normais do teatro. Son 17 personaxes que se cruzan, con homes que fan de mulleres, mulleres que fan de homes, non se respectan as idades. É un reto, un conto fábula. Todos os cambios son ante o espectador co que estamos en comunicación». A peza comeza cun mozo que chega a Europa na busca da súa irmá que emigrara antes a esa cidade. «El entra a traballar a un restaurante e unha noite ten unha dor de moas. Como non pode ir ao dentista por non ter papeis deciden quitarlle a moa os do restaurante. A partir de aí, os espectadores coñecen os habitantes de todo o edificio. O que el descoñece é que a súa irmá está sendo prostituída no ático», sinala Calleja. Esa trama da prostitución plantéxase a través da fábula da cigarra e da formiga. «É unha maneira poética de entrar nun tema tan duro como é a prostitución forzada», conclúe Calleja.