Ledicia Costas: “Son unha impostora, por iso son escritora, paso a vida disimulando”

Recoñece que ”continúan os tabús coas bruxas pero a xente segue acudindo a elas. Para escribir este libro fun a varias; nun meigo pensei que ía morrer queimada”

Ledicia Costas, xunto a Amaro Ferreiro e Fran Alonso. |   // RICARDO GROBAS

Ledicia Costas, xunto a Amaro Ferreiro e Fran Alonso. | // RICARDO GROBAS / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

VIGO

“Benvidos a este aquelarre literario”, pronunciou onte Fran Alonso, director de Xerais, no Club FARO protagonizado por Ledicia Costas. A autora presentaba “Pel de cordeiro”, a súa última novela –pensada para público adulto– na que como sinalou Alonso ofrece “unha historia sobre a maxia e a bruxería con todo o seu universo condensado”. O auditorio do MARCO de Vigo quedou pequeno. Ata a propia escritora ficou abraiada ao tempo que daba as grazas por estar “acompañada da xente que me le e me quere”. Ao longo dunha hora foi respondendo ás preguntas do seu amigo e músico Amaro Ferreiro quen procurou pistas do mundo interior da creadora. “Son unha impostora, por iso son escritora; paso a vida disimulando”, confesou Costas.

Foi a resposta que ofreceu á cuestión de se gusta dos insectos –dos que dixo que lle espantan e lle dan noxo– inda que iso non evitou que conformaran un personaxe proterctor nas páxinas do libro dos capítulos onde a fantasía ten maior pegada. Ledicia Costas sinalou que a literatura fantástica “é unha categoría literaria que é un nicho que se pode pensar para un público concreto inda que realmente é para un público universal”.

Porén, “Pel de cordeiro” non bebe só da fantasía, tamén doutros xéneros e inquedanzas tanto históricas, de ficción como contemporáneas.

O tema máis transversal é o relacionado coas meigas. “Se queres escribir un libro sobre elas, tes que ir ás bruxas”, defendeu para, a continuación, compartir algunha anécdota das sesións. Nunha, “un señor sacou un soplete e un coitelo que me pasou a ras da roupa. Pensei que ía morrer queimada”, comentei entre risos para recoñecer que “vin cousas divertidas, demenciais”, algunhas das cales plasmou no libro.

Ledicia Costas –Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa súa obra “Escarlatina, a cociñeira defunta”– recoñeceu que a día de hoxe “segue habendo tabús coas bruxas pero a xente segue acudindo a elas”. Indicou que na antigüedade estas mulleres sandadoras coñecían os ciclos da natureza, os segredos das plantas. “Dominaban o coñecemento” polo que a xente as procuraba pero al mesmo tempo “as detestaba. Eran mulleres poderosas”, engadiu. “Que hai máis galego que ir a unha bruxa?”, inqueriu ao público no que se atopaban o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a escritora María Oruña; ou o escritor e exdirector de Xerais Manuel Bragado, entre outros persoeiros.

“Pel de cordeiro” sitúase en dous tempos históricos diferentes: os da Santa Inquisición e a súa persecución ás mulleres curandeiras; e o actual cunha sociedade que segue practicando a violencia contra as mulleres pero doutros xeitos. “Somos herdeiras do maltrato”, resumiu.

A pesar de moverse entre eses dous bloques temporais a exposición e salto entre os dous é realizada en bloque cando moitas escritoras e escritores actuais optan por saltar de época con capítulos alternos.

Costas recoñeceu que a fórmula pola que apostou supuxo “un risco” e que aínda que estaba segura de ter tomada as decisións correctas esperaba a resposta dos lectores, que está a ser moi positiva.

O bloque máis antigo sitúase en Merlo –vila imaxinada– que xa fora a protagonista topográfica de “Infamia”. Ledicia recoñeceu que escolleu de novo este nome pensando nas lectoras e lectores que aínda a día de hoxe lle seguen pedindo unha segunda parte de “Infamia”. Ao respecto, non deu moitas esperanzas de que tal suceda. “Teño dereito a explorar o meu propio universo”, agregou.

Costas recoñeceu que é “unha muller obsesionada polo coñecemento” e profundizou nos alicerces do seu mundo literario creativo. Apuntou que nun dos lugares nos que viviu de pequena era no barrio vigués de Lavadores, chamado Brea Muiñeira. A veciña era unha bruxa que montou un bar para que a clientela puidese agardar pola sesión tomando algo nel. Isto foi unha inspiración clave para un dos momentos do libro, así como as lembranzas ou recreacións de historias comentadas de mulleres que acudían a berrar e que saían tranquilas porque como dicía a súa avoa “levaban o demo pero xa llo quitaron”.

Tamén fixo referencia de forma simpática que o terceiro colexio no que estudou, en Beade, se atopa no Camiño do Alén o que entende –en clave de humor– que a marcou para escribir libros de ultratumba.

Pola súa parte, Amaro Ferreiro indicou que “Pel de cordeiro’ é unha novela chea de vida, morte e mulleres protagonistas” con “escenas que non podes parar de ler”; mentres que Fran Alonso engadiu que o libro presenta “páxinas apaixoantes” así como “as mellores páxinas do realismo máxico actual”.

Tracking Pixel Contents