Opinión

La puerta violeta

“Tengo una mano en el cuello

que, con sutileza, me impide respirar,

una venda me tapa los ojos,

puedo oler el miedo y se acerca”

Este parágrafo da canción “La Puerta Violeta” de Rozalén define con claridade o terror da violencia machista que sufrimos as mulleres polo feito de “ser muller”.

É unha violencia estrutural que se asenta nun sistema patriarcal que ten colocado ás mulleres nunha situación de subordinación. O movemento feminista situou a loita contra a violencia machista como unha das grandes prioridades da axenda pola igualdade.

Grazas á loita do movemento de mulleres logrouse a aprobación de leis que foron, son e serán instrumentos fundamentais para garantir unha resposta á violencia que se exerce sobre nós, a metade do mundo.

A Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero cumpre 20 anos. Foi unha lei pioneira no mundo. De feito, ten sido utilizada como referencia para outras leis en moitos países. A lei abarca aspectos preventivos, educativos, sociais, asistenciais e de atención posterior ás vítimas, así como normativa civil que incide no ámbito familiar ou de convivencia onde se producen principalmente as agresións. Ademais, aborda a resposta punitiva que deben recibir tódalas manifestacións de violencia.

A lei céntrase nos dereitos das mulleres vítimas de violencia a través do recoñecemento de dereitos como o da información, a asistencia xurídica gratuíta e os de protección social e de apoio económico. Ao longo destes 20 anos experimentou modificacións que nos teñen permitido ir adaptándoa a novos modos de violencia ou a mellorar os instrumentos que xa contemplaba.

O Pacto de Estado de 2017 foi outro gran avance. Tamén naceu das reivindicacións do feminismo que lograron a complicidade de mulleres feministas do PSOE que coas súas iniciativas parlamentarias iniciaron a petición de que a loita contra a violencia cara as mulleres fora unha cuestión de Estado. Logrouse, así, que tódolos grupos políticos aceptaran crear unha comisión para lograr un Pacto de Estado.

Neste momento estase traballando para a súa renovación. Fago un chamamento a tódolos grupos políticos con representación no Congreso dos Deputados para que poidamos cerralo este mesmo ano. Moi particularmente ao PP. A loita contra a violencia machista non pode, de ningunha maneira, formar parte da confrontación política. As mulleres precisamos instrumentos legais e grandes acordos para seguir loitando contra esta violencia que nos afecta a todas.

A lei contra a violencia de xénero é un grande éxito colectivo pero a violencia segue aí, provoca ducias de asasinatos de mulleres cada ano. Non podemos deternos.

Temos que seguir abrindo portas violetas.

“Pero dibujé

una puerta violeta en la pared,

y al entrar me liberé,

como se despliega la vela de un barco”

*Teniente de alcalde do Concello de Vigo

TEMAS

  • Violencia
  • Unha
  • Das
  • violencia machista
Tracking Pixel Contents