Entrevista | Alberto González-Garcés Investigador mariño e escritor
«Escribir faime feliz e quero que se sinta así quen me le»
Presenta «Somos o que imaxinamos», un libro de relatos que combina realidade e ficción cunha mirada optimista. Explora temas diversos, dende a ciencia ata os seus paseos polo mundo, sempre coa imaxinación como fío condutor.

Alberto González-Garcés, coa súa nova obra nos arredores do Museo do Mar. / Alba Villar
Optimismo, imaxinación e realidade conflúen na nova obra de Alberto González-Garcés (A Coruña, 1950), exdirector do Oceanográfico de Vigo. Somos o que imaxinamos (Medulia Editorial), a segunda tras o poemario Alta mar, mar aberta, contén máis de 40 relatos pensados para facer felices aos lectores, tanto como o foi el creándoos.
-Por que este título, Somos o que imaxinamos?
-Porque é un libro baseado fundamentalmente na imaxinación. Ao longo dos relatos, falo de como todo o que temos vén do pasado, dunha historia. Logo, desenrólanse no presente, pero sempre estamos imaxinando que vai pasar no futuro. Mesmo cando recordamos o pasado, non o lembramos como foi, senón como imaxinamos que foi. O presente é tan breve que semella unha ponte entre pasado e futuro, e o futuro preparámolo como o imaxinamos. Educamos os nenos para ese futuro, organizamos actos para crear algo que aínda non existe. Nélida Piñón dicía que, sen historia, non hai cultura, pero, sen imaxinación, non hai grandeza. Esa grandeza tíñaa ela, e é a que eu aspiro transmitir cunha escrita agradable para quen le.
-Con que motivo se aventurou a facer esta obra?
-Cando chegou a pandemia [do Covid], coincidindo coa miña xubilación, atopeime cun tempo novo, libre. E, dese tempo, naceu a escrita. Empecei a escribir poesía, que é algo moi íntimo e que me require moito esforzo. Logo, pensei que tamén podía escribir narracións. Resultoume máis doado, non tanto a nivel de texto, senón de ideas e de conexión co lector. E fíxeno sempre cun ton optimista, xa que escribir faime feliz, e aspiro a que se sinta así quen me le.
«O presente é tan breve que semella unha ponte entre pasado e futuro, e o futuro preparámolo como o imaxinamos»
-Que tipo de historias podemos atopar na obra?
Hai cinco apartados. Un de ficción total, outro de ficción con reflexión, outro con inspiración en lecturas, outro sobre peixes, porque veño da investigación mariña, e outro sobre paseos polo mundo. En todos hai unha compoñente de imaxinación moi forte e en todos estou eu. Algunhas cousas pasáronme, outras non: hai algo real e algo imaxinado en todas.
-Canto hai de realidade e canto de ficción?
-Para min, é moi difícil diferencialas. Mesmo cando empezo a ler algo que escribín, ás veces, pregúntome: isto foi verdade ou inventeino? Todo ten unha parte de realidade e outra de ficción.
-Publicará máis obras?
-Seguramente, si. Non teño obriga de escribir, pero fágoo todos os días, normalmente, pola mañá varias horas. Algunhas veces, sae algo, outras, non, e outras, sofro escribindo. No conxunto, é unha alegría. Se teño nalgún momento un conxunto de textos que merecen a pena, publicareinos.
-O seu pai foi un poeta moi recoñecido. A paixón pola escrita vén de sangue.
-Xa me gustaría escribir como el. Pero si, algo hai no ADN. Varios académicos da Real Academia Galega van propoñer o meu pai, Miguel González Garcés, como candidato para o Día das Letras de 2026. Imos estar moi felices se iso sae adiante. Foi arquiveiro, bibliotecario, arqueólogo, poeta... Escribiu en galego oito libros, fixo escolmas de poesía, traducións, antoloxías... Foi traducido a outros idiomas. Incluso ten rúas e bibliotecas co seu nome. Gustaríame moito que se recoñecera a súa figura. A súa poesía é para ler con calma, para reflexionar, pero sempre con optimismo e amor. O meu amor pola escrita vén de aí.
- La Guardia Civil extrema ya la vigilancia en la tapa de la gasolina del coche: podrán sancionarte con 200 euros
- La Guardia Civil ya multa: vigila miles de maleteros de coches para comprobar que lleves este artilugio siempre
- «Está demostrado científicamente que tener un perro aumenta los niveles de oxitocina, la hormona de la felicidad»
- ¿Tienes el código '01' en tu permiso de conducir? La Guardia ya para y multa a los conductores que no lo cumplen
- En una analítica, ¿qué significa tener los triglicéridos altos? ¿Qué hacer para bajarlos?
- No es Cudillero, pero casi: el pueblo marinero más bonito de España está en Galicia y no, no es Combarro
- El declive de un mercadillo ambulante con apenas 60 licencias: «Cada día es más flojo»
- Dos vigilantes de seguridad reaniman a un mujer que se desplomó inconsciente en Vialia Vigo: «Le salvaron la vida»