Na sala Maruja Mallo, sita na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, presenta o seu novo traballo o pintor Alberto Pena (Foz, 1970), nunha mostra que leva por título Natureza alterada. Trátase dun conxunto de monotipos, con formato cartel e con soporte de liño, realizados a partir de técnicas que cómpre situar entre a pintura e a estampación, e que na súa intencionalidade abalan entre o abstracto e o figurativo.
