Devalar os mitos, erosionar os pensamentos sociais que como un remuíño ancoran na nosa cabeza, como esa «radio de cousas vellas» que escribiu Xela Arias. Para tirar abaixo os mitos, precisamos da palabra repousada. O psiquiatra colombiano xa falecido Carlos Pol Bravo falaba de «controlar» a imaxinación. Defendía situar a razón por riba do maxín. Só así volverán as bateas de noso á liberdade produtiva do ser. Só así gañaremos en autoestima violeta ou no vermello brillante do noso sangue. Precisamos liberar os marcos do canon de beleza-erotismo-sexualidade que nos impoñen ás mulleres. Andemos con coidado, ata o consello saudable ou a mellor crítica ao imperio cosificante do noso corpo pode albergar unha ameaza. Filmes como «A sustancia» son axeitados pero tamén perigosos. Alén da acertada crítica á presión estética, o inicial tornado de corpos perfectos cos que tradea as nosas córneas convértenos a todas en Elisabeth Sparkle, a prota despedida por ser maior. O problema sempre é a comparación. Elisabeth cotéxase coa mellor versión de si mesma, a noviña e supersexi Sue; e as espectadoras contrastan os seus corpos co de Sue pero tamén co da magnífica Demie Moore que, aos 60 anos, amosa un corpo envexable. Millóns de mulleres suspiran ser como ela. Correrán á cirurxía plástica para apaños imposibles ou á endocrina para o Ozempic. Mais é posible que inda non saibamos ben os riscos do seu sobreuso en pacientes sans, dos efectos secundarios a longo prazo. Abramos as neuronas. A clave é a autoestima, querernos a nós mesmas tal e como somos. Como sinalan no filme da directora Coralie Fargeat «ti tamén importas». O desexo non o coarta a idade avanzada da muller. Tampouco ninguén ha de ditar como vestirmos. Que llo digan á actriz Millie Bobby Brown que sacou os dentes esta semana ante a crítica de levar estilismos demasiado maduros para os seus 21. Se alguén como Neruda nos canta «sonríeme radiosa/ si mi boca te hiere», fagámonos un favor, tirémolo ao ‘pozo’ do esquecemento como o seu poema.