A banza dezá Marela estreou o 9 de abril Cinza, o seu novo sinxelo, en colaboración con Alberto Busto, das bandas Arrhythmia e Rebeliom do Inframundo. Seguiralle a publicación do EP homónimo nas vindeiras semanas, con tres cancións máis. Cinza vai acompañado dun videoclip realizado e producido por Luis Taboada, de Arkadia Universe, e no que Fer García se encargou da fotografía fixa e Anxo Rei, do deseño gráfico. Este sinxelo é «un canto reivindicativo, cru e directo contra o espolio dos montes galegos e, en xeral, contra o espolio da nosa comunidade». Así é que no tema destacan sentenzas coma: «Vin a vida morrer queimada nun minuto» ou «A chama da vergoña reluce insensata». Mestura o punk rock característico da banda coa contundencia vocal de Alberto Busto. Formada en 2020, Marela aúna as inquietudes musicais dos seus catro compoñentes nunha proposta de punk rock en galego, directo, con letras cargadas de rebeldía e inconformismo que, en definitiva, perseguen «non deixar a ninguén indiferente». Iago Fernández e Julio Novo encárganse das voces e as guitarras; Adrián Negro, do baixo e os coros; e Pablo Rey, da batería. Iago e Adrián son de Vila de Cruces; Julio e Pablo, da Bandeira. Logo do seu primeiro disco, Os inicios, Marela da agora un salto cualitativo e cuantitativo coa presentación do minálbum Cinza, co que pretenden consolidarse como unha das bandas emerxentes na escena do rock galego. O EP foi gravado, mesturado e masterizado nos estudios Garageland por Xosé Aller e será distribuído dixitalmente por Galunk Producións.