O Concello de Nigrán organiza, unha vez máis, o seu campamento infantil de Semana Santa co obxectivo de facilitar a conciliación laboral das familias durante as vacacións escolares. O campamento terá lugar no CEIP Humberto Juanes, do 14 ao 16 de abril, e estará dirixido a crianzas nacidas entre os anos 2014 e 2022. A actividade desenvolverase en horario de 9:00 a 14:30 horas e contará cun custo de 10 euros por menor. Este campamento, que xa se celebrou con éxito en anos anteriores, ofrece á cativada a oportunidade de disfrutar de múltiples actividades lúdicas e educativas, ao mesmo tempo que as familias teñen a posibilidade de compatibilizar as súas responsabilidades laborais co traballo de coidados durante as vacacións de Semana Santa. A convocatoria para inscribirse ao campamento está aberta e finalizará o 24 deste mes. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Nigrán, de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas, ou ben a través da Sede Electrónica, onde se poderá facer en calquera momento dentro do prazo establecido. O campamento ten un límite de 60 prazas, polo que se recomenda realizar a inscrición o antes posible para garantir a praza. Para máis información ou para resolver calquera dúbida, as familias poden contactar co Centro de Información á Muller de Nigrán no teléfono 986 383 081 ou a través do correo electrónico cim@nigran.org. Este campamento é unha excelente oportunidade para que a picarada disfrute das súas vacacións de forma divertida e segura.