Do realismo total á arte dixital e fóra do marco
Os artistas galegos plasmaron a evolución dun país agrícola que sufriu a represión e que busca dende o local unha arte universal
A evolución da Galicia ao longo dos últimos 170 anos pode realizarse a través da súa arte fixándonos na paisaxe, moda, oficios, soños, técnicas ou sinaturas.
Nos finais do século XIX Galicia era un país profundamente rural no que a aldea era o espazo principal habitado. Se ben os motivos relixiosos mandaban moito na escultura e pintura, autores como o escultor Isidoro Brocos decidiron que había que plasmar a xente do pobo. A obra “O xastre de aldea”, onde un home lle proba un traxe a un meniño, é unha proba.
Eran tempos eses e ata ben entrado o século XX nos que o realismo mandaba: canto máis parecido á realidade, mellor. Alomenos foi así ata que o aire fresco das vangardas europeas foi chegando. Esculturas e cadros foron dando máis peso ás formas, aos xestos e menos á pincelada perfecta. A xeometría en moitos casos foi a protagonista.
O golpe de estado do 36 e a súa barbarie, o exilio en América e Europa da case totalidade dos artistas máis destacados e a emigración foron algúns dos temas principais das obras xunto ao xa común retrato de oficios, estampas costumbristas e paisaxes.
A finais dos 70 comezan a agromar creadores e creadoras que nos 80 alumearán o grupo Atlántica que buscará romper moldes: ser contemporáneos desde Galicia e con gañas de comerse o mundo. A abstracción, a cor total no lenzo, a mestura das linguaxes e mesmo de técnicas son as bases.
Pouco a pouco os artistas cuestionan ata os museos, queren saír fóra dos espazos canónicos como as esculturas de Manolo Paz ao aire libre ou o street art de xente como Lula Goce en medianeiras de edificios para rachar co feísmo urbanístico. Noutro eido, a arte dixital comeza a camelar neste XXI en universos de internet.
A continuación, coa axuda de Carlos L. Bernárdez, unha escolla –perdoen as omisións– de como a arte mostrou Galicia neste tempo.
O xastre na aldea (Isidoro Brocos, 1878)

Con el, as escenas costumistas, e non só as relixiosas, fanse protagonistas. Escultor rexionalista con obras de gran realismo e expresividade. Tivo éxito coa burguesía autóctona pero tamén no estranxeiro.
Paisaje con gallega (Serafín Avendaño, 1891)

O autor vigués comezou moi novo a recibir galardóns –como medallas na Exposición Nacional de Bellas Artes– e mesmo gozou de prestixo en Italia e Estados Unidos. Neste cadro, vemos unha paisaxe cunha moza do pobo.
Aldeá (Elina Molins, 1893)

Esquecida durante décadas, a figura da viguesa Elina Molins foi recuperada. Este retrato dunha moza a finais do XIX é unha mostra do seu realismo pictórico. Participou na Exposición Nacional de Belas Artes e na do Círculo de Bellas Artes.
Abuela y nietos (Fernando Álvarez de Sotomayor, 1916)

Sotomayor, que chegou a ser director do Museo do Prado, mostra aquí un retrato dun grupo: a súa nai mailos seus seis fillos. Vemos como ían vestidas as clases pudentes naquela altura, como eran as familias numerosas.
Monumento a Joaquín Loriga (Francisco Asorey, 1933)

Asorey plasmou motivos relixiosos (o San Francisco en Compostela), a xente da terra (A santa, monumental muller núa do país) e tamén a modernidade como o tributo ao aviador Loriga de Lalín que voou de Madrid a Manila.
Arquitectura humana (Maruja Mallo, 1937)

Coñecido como “O pescador”, foi o primeiro cadro no seu exilio en América trala Guerra. Feito cos apuntamentos tomados en Galicia, inaugura un ciclo no que o traballo popular como relixión e a xeometría comungan.
A derradeira leición do mestre (Castelao, 1937)

Este debuxo do álbum “Galicia mártir”, co desastre da represión do golpe franquista, está considerado o Guernica galego. Uns alumnos ven o seu mestre asasinado xunto a unha árbore coas pólas cortadas para enfatizar o dramatismo.
Escuela de doloriñas (Julia Minguillón,1941)

Única muller galardonada en toda a historia da Exposición Nacional de Belas Artes. Con este cadro, resalta a importancia da educación no rural galego e o esforzo da mestra á que lle pagaban con patacas, pan ou leña ou unha peseta.
Lavandeiras (Maside, 1953)

Pioneiro en aplicar os postulados da modernidade, Maside racha co clasicismo. A pintura figurativa perde hiperrealismo. As formas e as cores mandan. É unha estampa de Galicia: mulleres no lavadoiro traballando e socializando.
Músicos (Laxeiro, 1955)

Galicia para os seus pintores non só foi traballo, tamén festa. Laxeiro neste cadro amosa a varios músicos cun deseño xeométrico sinxelo no que destacan as expresións e os xestos que marcan o estilo dun pintor clave para o país.
A emigración (Manuel Ferrol, 1957)

O fotógrafo Manuel Ferrol captou nese ano o movemento dun dos programas de Reunificación Familiar polo que familiares galegos tomaban un barco –neste caso dende A Coruña– para reunirse cun familiar emigrado en América.
Carmen, San Marcos (Virxilio Viéitez, 1958)

As imaxes deste fotógrafo rural convertírono nun caso singular louvado mesmo por Cartier Bresson. Fuxía do estudio para retratar no exterior con elementos cotiás ou novedosos, como este coche vido de Panamá.
El secreto del río Sil (Eugenio Granell, 1974)

Pintor surrealista, este cadro realizouno na súa estadía en New York. Nel, personifica o río Sil nun rostro. Urbano Lugrís xa nos 40 botara man do surrealismo nas paisaxes para mostrar os seus medos ou problemas existenciais polo franquismo.
Peixes (Menchu Lamas, 1981)

Integra o proxecto Atlántica, de renovación da arte galega con signos diferenciadores recuperando a mitoloxía propia pero contectándose cun internacionalismo. Entre os seus compañeiros de grupo: Antón_Patiño, Moldes, Lamazares, Huete ou Berta Cáccamo.
Más larga que la vida (Ángela de la Cruz, 1998)

A galega, finalista do premio Turner, amosa nesta obra un lenzo colosal convertido en material moldeable que se apodera do espazo. Funde arquitectura e pintura nunha peza distorsionada fóra do marco.
Dolor de ropa (Leiro, 2003)

Nesta serie, presenta as esculturas en madeira e plástico Recolectoras. Representaas mulleres que na costa galega se viron obrigadas a deixar de mariscar para recoller o fuel do verquido do petroleiro "Prestige".
Julio César (Diego As, 2022)

Neste século, a arte saíu á rúa. Ducias de muralistas galegos están a lograr mitigar o feísmo na paisaxe do país. “Julio César” foi o mellor mural do mundo no 2022. As, Lula Goce, Mon Devane, Vanesa Álvarez ou Lidia Cao pintan en Galicia e fóra.